Vilagarcía convértese nun plató de cinema da man do seu festival do imaxinario

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Rodan os dous primeiros traballos gañadores de «Curtas 60 segundos de terror», o concurso organizado polo Curtas e Producciones Mutantes de Pontevedra

10 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Madrugar onte para pasear pola praia Compostela tiña premio. A lo menos, para aqueles que gusten do mundo do cinema, sobre todo, de toda a artesanía que se pon a traballar detrás da cámara nesa cuarta parede na que se fai o silencio para deixar que falen só os protagonistas dos guións. Desde as seis da mañá, o equipo técnico da produtora pontevedresa Producciones Mutantes cumpría coa súa parte do compromiso con Rubi Giráldez, que estreaba o seu título de grao superior de Imaxe e de Son dirixindo a materialización dun dos cinco guións que a pasada primavera mereceron o premio da primeira edición do Curtas 60 segundos terror.

Man a man con Producciones Mutantes, a última iniciativa do Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía deixou a criterio de Ángel Agudo a selección das cinco historias dignas de recompensa tras finalizar a promoción da adaptación cinematográfica de Apocalipsis Z. El principio del fin, da que foi guionista. Un relato encaixado nun minuto de metraxe, nunha das cinco localizacións en Vilagarcía de Arousa establecidas pola organización e unha temática fantástica, de terror ou de ciencia ficción eran os tres requisitos esixidos aos aspirantes a optar ao premio ofrecido polo Curtas e Producciones Mutantes: contar cos medios técnicos e humanos profesionais para cubrir a imaxe e o son das rodaxes, e a súa posterior proxección pública a cargo do festival vilagarcián. Poder dirixir e montar a súa propia curta e ocuparse do cásting de actores e do atrezzo co que vestir a súa idea completan o premio dos cinco seleccionados por Ángel Agudo. 

Deep Sound, o traballo do vigués Rubi Giráldez, cumpriunas todas. E onte, durante case catro horas —a elección daba dereito a un máximo dunha xornada de oito—, recolleu todas as tomas que tiña en mente na praia Compostela para contar o que sucede cando unha muller que fai carreira pola area, interpretada pola cantante de Broken Peach Erika Lewis, se atopa cunha misteriosa cuncha mariña. Tamén Azebac se axustou ás normas do concurso de microcurtas e aos gustos do seu xuíz único. Levando ao seu guionista, Jorge Blanco, portonovés afincado en Pontevedra que estuda Belas Artes, a poñerse na madrugada do luns ao martes desta semana detrás da cámara para rodar no monte Xiabre, en clave humorística, unha invocación satánica dunha seita que sae como todas, rematadamente mal para os simples mortais metidos no fregado. Entre o seu elenco, a actriz profesional María Roja. 

Por diante, outras tres historias coas súas correspondentes datas de rodaxe. Breve asasinato en Vilagarcía, dos irmáns Víctor e Fran Golpe, con saída ao plató real o domingo 20 de xullo para materializar unha curta ao máis puro estilo True Crime no Pazo de Vista Alegre. Respira, dos sevillanos Luis Camacho, autor do Manual Zoomórfico sobre o universo de terror de H.P. Lovecraft, e o seu fillo Fernando, un traballo inspirado nos mundos creativos do mestre estadounidense do xénero, con rodaxe o día 29 na praia da Concha. E Filete, do barcelonés Francisco Leslie López del Castillo, cun guion sobre seitas cun corte tarantiniano pendente de localización en Vilagarcía para agosto. 

A presenza dunha parella de andaluces e dun catalán dispostos a sufragarse a viaxe ata Vilagarcía para facer realidade as súas historias dá fe do interese espertado polo Curtas 60 segundos de terror. Gero Costas, socio de Romina Doce en Producciones Mutantes, salientaba onte que «as dúas rodaxes foron moi ben, e os dous directores están contentos co material, rodaron o que querían rodar», antes de adiantar uns «resultados interesantes».