O Curtas fará de Vilagarcía de Arousa a cidade onde viven os monstros

VILAGARCÍA DE AROUSA

Os personaxes máis inquietantes serán o eixo central da vindeira edición, que inaugurará unha figura do Cthulhu de H.P. Lovecraft, logotivo do festival, presidindo a Salón García.
10 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Monstros. En xeral e de todos os tipos e pelaxes. Os personaxes máis inquietantes do mundo do terror, pero tamén da fantasía e da ciencia-ficción concentrarán este ano os focos do Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa.
De monstros estará chea a vindeira edición do certame vilagarcián dun xeito transversal no groso do seu programa de dez días, que a organización que dirixe Luis Miguel Rosales está a preparar para a súa materialización do 24 de outubro ao 2 de novembro. «Vilagarcía vai ser o lugar onde viven os monstros», comenta o impulsor do xa considerado polo máis selecto panel de expertos do mundo como un dos 90 mellores certames do xénero do terror do planeta terra.
«Os monstros parten da perspectiva da xente, da súa mirada cara seres con algunha deformidade. A ollos dos monstros, as aberracións somos nós e o que estamos a facer co planeta», comenta Rosales deixando na mesa o trasfondo filosófico e moral que transpiran os guións e os subtextos de moitas películas dun xénero considerado por moitos, en demasiadas ocasións sen argumentos, menor.
Exposicións, convidados e as súas charlas, e actividades do Curtas xirarán na súa inmensa maioría arredor de monstros. Unha categoría que vai moito máis aló do que poida imaxinar o cidadán de a pé, posto que nela o director do festival inclúe a parte dos diferentes universos de superheroes, coma Hulk ou os mutantes da Marvel, ou personaxes de cinema familiar.
Cthulhu a tamaño humano
Para empezar, e con vocación de instalarse coma elemento permanente e icónico do certame, a planta superior do Salón García, sala dos pases do Curtas, estará presidida desde esta vindeira edición por unha figura a tamaño humano do Cthulhu, o monstro máis famoso do universo de H.P. Lovecraft que desde o ano pasado é tamén o logotipo oficial do festival.
Ademais, Rosales subliña que o Curtas redobrará este ano os seus esforzos por facer de Vilagarcía un referente do vindeiro Halloween-Samaín implicando os seus veciños e visitantes.

A edición 53.ª xa ten cartel. O ilustrador arxentino Flavio Greco vén de completar o seu quinto cartel oficial do Curtas desde o 2021. Como o ano pasado, con Cthulhu, figura convertida en logotipo do festival, presidindo a imaxe. Desta volta, cunha coñecida mansión vilagarciá de fondo, rodeado de monstros profundos saídos tamén do universo de H.P. Lovecraft no medio dun alumeamento cunha humana usada de portal entre mundos.