O PP propón a Javier Tourís e a Paz Lago para ocupar un dos postos na Deputación

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

Unha vez que tomen posesión substituirán a Luis Aragunde e Salomé Peña na corporación provincial

18 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os representantes do PP na Deputación de Pontevedra polo partido xudicial de Cambados serán Javier Tourís, número 2 da candidatura do PP de Vilanova, e Paz Lago, número 3 de Sanxenxo. Así o decidiron os representantes locais dos concellos que conforman este partido xudicial, integrado polos municipios de Vilagarcía, Meis, Meaño, O Grove, Cambados, Ribadumia, Vilanova, A Illa e Sanxenxo, na reunión que mantiveron onte co presidente provincial do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, e co secretario xeral desta formación, Xosé Manuel Cores Tourís.

Javier Tourís e Paz Lago terán que ser ratificados nos próximos días nas xuntas electorais de zona cos votos dos concelleiros populares. Unha vez que tomen posesión substituirán a Luis Aragunde e Salomé Peña na corporación provincial.

Alfonso Rueda destacaba onte que «estamos escoitando a todos os candidatos dos sete partidos xudiciais, para entre todos e por consenso elixir ás persoas que van representar ao PP na Deputación de Pontevedra. Intentaremos que vaian os mellores representantes, porque gobernando ou estando na oposición temos claro que os intereses de Pontevedra teñen que estar por riba de todo».

Aínda pendentes

Coas designacións de Tourís e Lago xa están nomeados os deputados populares por Cambados, Tui, Ponteareas, Lalín e A Estrada, e quedan pendentes de designar aos correspondentes a Vigo e Pontevedra. En total, no próximo mandato os populares contarán con once deputados na corporación provincial.