Estas son as condicións do BNG de Cambados para apoiar o orzamento do bipartito

Bea Costa
Bea Costa CAMBADOS

CAMBADOS

Martina Miser

Piden obras en Castrelo, Corvillón e Vilariño, que se cubran as vacantes de persoal e menos cartos para festexos

02 abr 2022 . Actualizado a las 18:30 h.

O BNG de Cambados e os demais grupos da oposición séntanse este luns co alcalde, Samuel Lago, e co concelleiro de Economía e Facenda, Xurxo Charlín, para negociar o orzamento do 2022. O bipartito PSOE-Somos está en minoría e precisa de, como mínimo, dous votos máis para aprobar o documento no pleno, votos que poderían chegar das filas nacionalistas sempre e cando cheguen a un acordo.

Salvado o escollo que supoñía a pretensión do goberno local de incorporar catro liberacións parciais para outros tantos concelleiros —que xa non figuran no borrador do orzamento—, o Bloque pon máis condicións sobre a mesa. Son estas: os orzamentos deben incluír unha dotación económica para reformar o centro sociocultural de Corvillón, porque se atopa «nun estado de abandono que o fai inhábil para o seu uso»; a reparación na senda litoral en Castrelo, «que está nun estado de abandono que debe rematar; a mellora do parque infantil de Vilariño; cubrir as prazas de persoal no Concello tales como a de capataz, limpadores, operarios e a de bibliotecario, que leva vacante desde a morte de Luís Rei; un plan de actuación para os cemiterios do termo municipal para «en vez de regalarlle cartos públicos ao Arcebispado de Santiago, a través dunha asociación instrumental [en alusión ao cemiterio de Vilariño], o goberno opte por un sistema de reparto equitativo», explica o Bloque, e que a partida dedicada á asociación de Vilariño se elimine do capítulo de transferencias de capital e se mude ao de transferencias correntes.

«Observamos que, probablemente, coa vista posta nas eleccións municipais, o goberno ampliou esaxeradamente a partida de festexos. Como os cartos son os que son, ese aumento trouxo consigo a desatención de outras partidas menos vistosas, pero máis necesarias para os veciños no día a día e máis orientadas a unha xestión horizontal dos recursos». En consecuencia, o BNG pide que se retiren parte das partidas de festexos e se transfiran ás entidades culturais, comisións de festas e a mantemento e reparación de instalacións deportivas municipais.

«Estas son as liñas de actuación do BNG en Cambados que constitúen a nosa posición negociadora mínima de partida. Como se pode comprobar, expoñemos que partidas deben minorarse, e cales incrementarse correlativamente para acadar uns orzamentos equilibrados. Nese sentido, cumprimos coa petición do alcalde, da que tivemos noticia a través da prensa, de presentar unha proposta realista, detallada, e orientada ao ben común».

«Daremos o visto bo aos presupostos unha vez que o goberno aprobe esta proposta nunha Xunta do Goberno Local, e nos facilite unha copia desa resolución. Nese momento, o BNG de Cambados asinará o acordo de apoiar os orzamentos», conclúe o comunicado emitido polo Consello Local do BNG de Cambados.

Charlín responde

O comunicado do Bloque obtivo hoxe mesmo resposta do concelleiro Xurxo Charlín: «A partida de festexos pasou de 2018 de 320.000 euros cando a xestionaba o BNG, a 350.000 este ano facendo máis días de Albariño que en 2018, e incrementouse a partida de arrendamento de mobiliario e enseres polos requisitos do covid para facer eventos multitudinarios. Esperan que con 30.000 euros fagamos todo o que piden?».

Charlín defende os orzamentos do bipartito alegando que aumentan en 600.000 euros respecto ao ano pasado, os impostos seguen conxelados, aumentan a partida de gastos sociais, acadouse un remanente de tesourería de 375.000 euros, diminuíu a débeda cos bancos e porque «será un ano histórico no que se realizarán investimentos nas parroquias e no casco urbano», engade o responsable de Facenda.