Dúas empresas optan ao proxecto de habilitación do espazo das Torres do Oeste

La Voz CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

Martina Miser

A intervención inclúe dende acondicionamento vexetal ata a reparación do escenario e a rehabilitación da capela

26 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Dúas empresas aspiran a rehabilitar o espazo das Torres do Oeste, en Catoira. A obra sae a licitación por un montante base de 420.000 euros e adxudicarase as vindeiras semanas, «tempo no que o goberno local e a Axencia Galega de Turismo terán que acordar as datas máis convenientes para o desenvolvemento da actuación», segundo informa o Concello do Baixo Ulla.

A intervención céntrase na rehabilitación da capela, retirarase a caseta actual e instalarase unha nova complementaria á do Centro de interpretación das Torres (CACTO) e vaise acondicionar o acceso inferior da ponte retirando as columnas que impiden o acceso rápido de emerxencias. Ademais melloraranse os servizos deste espazo e instalarase o equipamento que permitirá recrear de forma virtual a defensa das Torres de Oeste e Compostela das invasións e ataques viquingos.

Reparación do escenario

Está previsto, así mesmo, o acondicionamento vexetal da contorna, a reparación do escenario da zona de esparexemento, así como renovar o mobiliario urbano e instalar dous bolardos retráctiles para o control do tráfico rodado.

Segundo explica o alcalde, Xan Castaño, os traballos poderán estar adxudicados antes do verán, se non se producen complicacións, e o prazo de execución das obras é de seis meses.