O Asmubal Meaño cae a postos de descenso tras perder en Xixón

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

MEAÑO

As de Juan Manuel Costas cederon o control do electrónico nos últimos 20 minutos, para acabar caendo 30-26

21 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O duelo entre os dous mellores equipos da tempada anterior no Grupo A da División Honor Plata Femenina do balonmán tornouse o pasado sábado nun choque entre necesitados. Balonmano Gijón e Inelsa Solar Asmubal Meaño chegaban á súa cita na cuarta xornada da Liga 2025/26 con dúas derrotas e tan só un empate que levar á boca. O conxunto asturiano acabou facendo bo o factor cancha, co desgaste físico asociado para un rival que cubriu os case 400 quilómetros entre Meaño e Xixón o mesmo día viaxando por estrada. O resultado final: 30-26.

Proba da sincronización dos estados de dous colectivos vidos a menos co paso do último verán foi a concatenación de empates que se sucederon durante o primeiro cuarto de hora de xogo. A partir de aí, un parcial de 0-4 (8-12) deulle a iniciativa ao Asmubal ata o primeiro treito da segunda parte, cando o Balonmano Gijón se puxo por diante 18-17 no minuto 39. Arrincaba así un novo parcial, este demoledor para os intereses do conxunto que dirixe Juan Manuel Costas, que a falta de nove minutos para a conclusión do choque se vía 28-20 no marcador.

O Asmubal botou o resto para reducir á metade a desvantaxe pensando en que todo gol pode acabar sendo importante para un equipo que hoxe ocupa a penúltima praza, en zona de descenso.

FICHA DO PARTIDO:

BALONMANO GIJÓN (30): Lucía González (2), Vide (1), Deva García, Nayara Álvarez, Durán (5), Alba González (3), Ana González (3), Inés González (5), Paula Fernández (2), Alicia Rodríguez (6), Menéndez, Piñera, Cuanda, Solís, Parapar (1) e Lorena García (2).

INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (26): Nicole Damascena (5), Sofía Arangio (4), María Currás, Uxía Varela, Agustina Ballada, Claudia Vera (2), Alba Domínguez, Laura Miniño (10), Irene Romero, Raquel Muñiz (1), Vanesa Domínguez, Irene Ríos e Shaila Fernández. 

MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 3-3, 4-4, 7-7, 10-12, 12-14, 13-14 (descanso); 15-16, 18-17, 22-19, 27-19, 29-22 e 30-26 (resultado final).

ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Francisco Fernández e Daniel Valdés. Castigaron con dous minutos as xogadoras locais Lorena García (min 7.17), Menéndez (23.49) e Vide (min 48.56); e as visitantes Laura Miniño (14.39) e Raquel Muñiz (32.31).