Os dous equipos arousáns da Primeira Autonómica enfrontaránse este sábado en Vilagarcía
09 nov 2016 . Actualizado a las 05:05 h.A segunda vitoria do Meco Rafonca na súa estrea como equipo de Primeira Autonómica do baloncesto masculino galego devolveuno a pasada fin de semana ao liderado do Grupo Sur que xa ocupara na primeira xornada de Liga. Cun 71-50 sobre o Instituto Rosalía, nun encontro entre dous equipos cunha multitude de baixas nas súas filas que quizais expliquen o pobre 13-10 co que se pechaba o primeiro cuarto.
Cun punto máis de intensidade, os pupilos de Manu Bello puxeron terra de por medio ao descanso cun 35-18, coa superioridade baixo taboleiros de Popo e de Tanque como ariete.
O manexo do xogo de Bruno e de Jon, e a intensidade de Little e de Martín Torres levaron o Meco Rafonca a unha máxima de 30 puntos no segundo cuarto, para voltar ao primeiro posto da clasificación nun cuádruple empate a 2-1 co Mimela A Estrada, Instituto Rosalía e Bosco Salesianos.
Esta semana, derbi arousán
Este sábado o Meco visitará a cancha vilagarciá do Sigaltec, equipo que a pasada fin de semana encaixaba a súa segunda derrota consecutiva. Claro que na cancha dun dos favoritos ao título de Liga, o Bosco Salesianos Ourense, por un axustado 60-58 e co exxogador da ACB Sony Vázquez convertido nun auténtico pesadelo para os homes de Doval desde máis aló da liña de 6,75 -rematou o encontro con 19 puntos-.
Novamente a falta de acerto no tiro resultou letal para o Sigaltec, nun derradeiro cuarto no que pese a deixar o seu rival en 8 puntos, tan só foi quen anotar 9.