Do debate electoral, polo si ou polo non

O GROVE

MONICA IRAGO

Os debates televisados convertíronse en episodios clásicos de todas as eleccións

07 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Vivimos tempos de confusión onde nada está claro. É así. Porque se a min, que nacín en ditadura e me formei en democracia, me preguntasen sendo mozo que era a política, eu diría con firmeza: é debate. Hoxe seguramente contestaría que non, aínda que poida estar equivocado. A arte de debater non é nova e tivo o seu berce na civilización grega cos sofistas, Sócrates, Platón, Aristóteles que conformaron os modos do razoar lóxico e do xeito de convencer a través da palabra; o mundo romano, con Cicerón, sentou as bases da oratoria e a Idade Media tróuxonos figuras como Erasmo de Rotterdam. En 1960 empezaron os debates televisados: o primeiro cara a cara celebrouse entre o republicano Richard Nixon e o demócrata John F. Kennedy, e, a partir deste, convertéronse en episodios clásicos de todas as eleccións e un dos maiores retos de calquera candidato. Agora mesmo é costume nos medios de comunicación organizalos como xeito de que o votante poida coñecer, cun certo contraste, cales son as diferentes posturas de cada formación política, co que se pretende conseguir un servizo público para que os cidadáns voten con maior coñecemento por unha opción política determinada. Ó redor desta práctica desenvolvéronse técnicas, —primordial a do realizador televisivo e os seus planos— por exemplo sobre a linguaxe xestual, o lanzamento de mensaxes e ata a forma de ir vestido. Todo estudado ao milímetro, nada resulta casual porque, no fondo, a política é comunicación e, neste momento, os debates van adobiados con toda a mercadotecnia coñecida, ata resultaren un espectáculo seguido por audiencias masivas. Pero o que non teño claro é se eses espectáculos valen para algo ou non, porque matino que o votante asiste a eles máis que como espectador ou lector desapaixonado, como un fan, e coa súa decisión xa tomada. E non hai ata a data ningún estudio que demostre que gañar o debate supoña vencer nas eleccións. Aínda que todos os partidos teñen pavor a perdelo. A porfía que citei antes entre Richard Nixon e John F. Kennedy, transmitida por radio e televisión, tivo unha audiencia millonaria e os que o seguiron a través da televisión creron que ganara Kennedy, cunha imaxe coidada e atractiva. Mais os que a escoitaron pola radio outorgaron a vitoria a Nixon. Os expertos neste eido din que aquí naceu o espectáculo mediático da política, unha maneira nova de gañar a opinión pública primando a imaxe, o vestiario, a presencia, o saber estar e o comportarse diante dos medios gráficos. En 1993, en España empezaron os debates televisados con dous entre Felipe González e José María Aznar. A crónica política da época recolle que o primeiro gañouno Aznar e o segundo González, que obtivo a vitoria electoral. No 2004, en EE.UU. todos os medios de comunicación coincidiron en que George W. Bush fora derrotado por John Kerry, pero foi o republicano quen venceu nas eleccións. En 2005, en Alemaña, as enquisas deron como triunfador ao demócrata Gerhard Schröder fronte á conservadora Angela Merkel, pero nas eleccións foi avantaxado por ela. A todo isto temos que engadir que desde a campaña de Obama no 2008, as redes sociais convertéronse noutros transmisores das mensaxes políticas, aínda que para min só son espazos virtuais, digamos subsidiarios, máis destinados a comentarios ou a difusión total ou parcial do debate en si. Estes días, os candidatos das listas electorais municipais estarán a preparar os diferentes debates e intentando asimilar as súas técnicas para que a súa respectiva mensaxe capte votos, como se a xente fose decidir segundo o que presencie nese espectáculo, que pode ser. Terán que facelo así polo si, ou polo non ou, se acaso pensando que Deus é bo, pero o demo non é malo. Porque o voto dos indecisos, se é que existen, pode depender do que se transmita nese debate. Ou non.