Do Día Internacional da Democracia... Ameazada

O GROVE

DPA vía Europa Press | EUROPAPRESS

Quizá fose bo deixarse de tanto Facebook, X, Instagram ou Whatsapp; apagar móbiles e ordenadores e ler. Ler para saber, para ter criterio propio

15 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

No contexto actual ao que nos foi levando a evolución histórica cunha última influencia extraordinaria do neoliberalismo, da globalización, da televisión, da intelixencia artificial, das redes sociais, de Internet, teño a dúbida de se nos están a enlear nunha gran mentira, na pura ficción. Porque todos eses fenómenos actuais fan que nos vistamos cunha especie de disfrace que nos vén dado, sen que cada un sexa libre. Son maquinarias coa potencialidade de configurar, incluso de destruír a personalidade propia e, ademais, de poñer en perigo a mesma democracia.

Internet debería significar liberdade e acceso ao coñecemento para todas as persoas. Pero actualmente esa percepción é mentira. Primeiro porque o acceso universal ás redes sociais non ten por que ser enriquecedor. A posibilidade de interacción de ignaros implica perder tempo a escoitar voces contrarias ao coñecemento, pero, sobre todo, aí aparecen noticias e coñecementos falsos ou a procura dunha orientación política mediante unha realidade deformada. Donald Trump, multimillonario, creou a súa propia rede social —Truth Social— para transmitir as súas peculiares mensaxes e visión política.

Por outra parte, esas tecnoloxías están a producir o declive da capacidade de entender, de razoar. Fálase de que desde finais do século XX estamos nunha crise de perda de coñecemento e de capacidade de saber, porque a linguaxe conceptual está a ser substituída por unha linguaxe perceptiva baseada en imaxes. Ademais, canto máis indocumentado se sexa -e cada indocumentado é un voto- máis se pode caer na información deformada. E canta maior ignorancia do usuario, como explica o experto en tecnoloxía Eli Parisier, máis se auto-fabrica un mundo falso, fake, mentres fai aumentar os beneficios económicos das plataformas que o guían ao que lle resulta afín, incrementando a súa incultura e, polo tanto, provocando que a democracia sexa de menos calidade. Pero tamén hai que pensar que as redes sociais poden ser usadas contra poderes ditatoriais. A modo de exemplo, as protestas en Irán pola morte de Masha Amini levaron a que o goberno daquel país ordenase un apagón informativo, o mesmo que queren facer estes días en Nicaragua, onde se pretende limitar os dereitos dos usuarios de Internet por medo á liberdade de expresión e de asociación.

No medio desta situación global, hoxe, a ONU celebra o Día Internacional da Democracia relacionándoo co uso da Intelixencia Artificial, indicando que esta pode mellorar a participación pública, a igualdade, a seguridade e o desenvolvemento humano. Pero advirte que se non se garante unha gobernanza eficaz desa IA, pode provocar «graves consecuencias para a democracia, a paz e a estabilidade» e dá unha mensaxe moi clara: «A Intelixencia Artificial debe estar ao servizo da Humanidade de maneira equitativa e segura».

Isto, na actualidade non é así. As grandes plataformas de Internet son privadas con ánimo de lucro, sen sometérense a ningún tipo de control. Son, pareza o que pareza, para gañar cartos. E como o cliente sempre ten razón, dicía o vello tendeiro, os famosos algoritmos conducen a que cadaquén se sinta cómodo e consuma o que lle resulte satisfactorio, doado, agradable, en mensaxes breves e imaxes, provocando o incremento da incapacidade cognitiva. Quizá fose bo deixarse de tanto Facebook, X, Istagram ou Whatsapp; apagar móbiles e ordenadores e ler. Ler para saber, para ter criterio propio. Para ser un e non un criado guiadiño.