O Grove descubre que Jenaro De la Fuente foi o arquitecto da torre Escuredo

leticia castro O GROVE/ LA VOZ

O GROVE

LETICIA CASTRO

O roteiro patrimonial serviu para descubrir tamén un dintel na rúa da Praza

15 dic 2025 . Actualizado a las 13:29 h.

O patrimonio de O Grove segue a dar sorpresas a propios e estraños, pola súa importancia a miúdo descoñecida por gran parte da cidadanía. Alomenos iso foi o que onte quedou patente no roteiro que Apatrigal fixo pola localidade da man do investigador local Fran Meis, quen portou datos ata o de agora descoñecidos.

Comezou o percorrido na Casa do Concello facendo unha interpretación do escudo da vila que daría pistas sobre os lugares que se visitarían máis tarde. Os asistentes, preto de medio cento, quedaban abraiados ao descubrir cal era o peirao orixinal do século XIX, que bordeaba por unha banda o actual inmoble do consistorio e nin sequera comprendía máis alá do Quiosco O Moscón, un porto pequeno que nada ten que ver co actual nunha Praza do Corgo que lle gañou demasiado terreo ao mar.

Foron varios os puntos polos que transcorreu a visita nun reducido tramo, onde se atopaban antano os centros neurálxicos do Grove. A rúa Escura ou a praza de Arriba, en cuxas inmediacións estivo o Concello, ou a rúa da Praza onde aínda se conservan exemplos da arquitectura mariñeira. A praia do Hospital ao lado de onde hoxe está o edificio da confraría, ou as casas mariñeiras de Peralto que ben poderían ter formado un casco histórico se se conservasen, foron algunhas das curiosidades mencionadas.

A importancia da casa

A éxtase do roteiro chegou, sen dúbida ante a archicoñecida Torre de Escuredo, na rúa Luis Antonio Mestre, hoxe nun estado ruinoso. Fran Meis detívose para explicar un pouco da historia que alí aconteceu, falou da importancia de conservar a casa, do seu valor, e descubriu por vez primeira que foi o construtor da morada do poeta. Nada máis e nada menos que Jenaro De la Fuente, un dos arquitectos con máis importantes de Galicia, artífice do Gran Hotel de Mondariz Balneario, do Balneario da Concha en Vilagarcía de Arousa, e dos edificios modernistas máis famosos de Vigo, como o edificio Odriozola en García Barbón ou o Pardo Labarta na Porta do Sol.

Sinalaba Meis, que este dato reafirma o prestixio da Torre e a necesidade da súa protección, logo de lle fora retirado o BIC no ano 2021. O segundo momento espectacular foi na rúa da Praza, onde no seu día estivo o cuartel da Garda Civil, e onde viveu Francisco Lores Fernández. Alí topouse un dintel relixioso datado entre 1520 e 1540, que podería provir da Capela de San Antón, que estivo a carón da Torre e foi propiedade dos Lores, xa que parte da súa pedra foi utilizada nesa vivenda. Datos que fan máis rico o patrimonio meco.