Pontecesures e Catoira empezan o novo calendario con espectáculos teatrais para toda a familia

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTECESURES

Martina Miser

As propostas, este venres, corren a cargo do circuíto Máis Escénicas da Deputación de Pontevedra

02 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Este venres o circuíto Máis Escénicas da Deputación de Pontevedra leva o teatro aos concellos de Catoira e Pontecesures. No primeiro caso, a obra que se vai representar é O rapto da Befana, un espectáculo da compañía Olivas Negras que arrincará ás sete da tarde no auditorio da vila viquinga. Pola súa parte, en Pontecesures representarase O cachimóbil, de Títeres Cachirulo. Neste caso, o espectáculo terá lugar no centro social de Pontecesures a partir das doce do mediodía, segundo informa a Deputación.

Ámbolos dous espectáculos enmárcanse no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata o mes de marzo. O programa ten un orzamento de 150.000 euros.

O rapto da Befana, baixo a dirección de Nuria Sanz, é un espectáculo de teatro familiar inspirado na Commedia dell’Arte Italiana. Esta historia, con perspectiva de xénero, presenta personaxes que veñen de Italia, unha pequena aventura, varios enredos, moita música, alegría e comedia.

O cachimóbil, pola súa banda, é unha barraca que leva os monicreques a calquera recuncho da man de personaxes como o Príncipe Verdemar, Don Gaiferos ou mesmo Xela, unha nena que terá que enfrontarse ao malvado Dragón Traga-Verbas para rescatar as palabras e frases esquecidas do galego.