Protección Civil Ribadumia e Real Conservera Española súmanse á recollida de material para Valencia
RIBADUMIA
A agrupación de voluntarios conta con varios puntos de entrega das doazóns e a empresa cambadesa enviará este venres todo o que reúna ata entón
06 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A onda de solidariedade que percorre toda España cara aos centos de miles de afectados pola dana na provincia de Valencia segue a sumar entidades na comarca dispostas a reunir víveres, material e fondos cos que axudar ao regreso á normalidade de quenes perderon tanto, cando non todo. Entre as últimas en sumarse á campaña figuran a agrupación de voluntarios de Protección Civil de Ribadumia, a máis grande de Arousa, e Real Conservera Española, a compañía cambadesa con sede no polígono industrial de Sete Pías.
Protección Civil de Ribadumia comezou o luns a recoller todo tipo de material de primeira necesidade non perecedoiro, como comida, toallas, mantas e cueiros. Con tal fin, os voluntarios solicitaron a colaboración de diferentes establecementos de Ribadumia e de Meaño para servir de punto de entrega para canta persoa queira colaborar cos afectados en Valencia. Falamos do Supermercado Pedriñas de Xil, o Supermercado Barrantes, o Bar Santiaguiño, Casa Lede (Leiro) e o Supermercado Mercamás de Lois. Ademais, os martes e xoves haberá membros da agrupación na nova sede provisional de Protección Civil de Ribadumia, situada na casa de cultura do lugar de Besomaño, a carón da residencia de maiores de Domus VI. O horario de recollida neste último punto é de 11 a 13 e de 19 a 21.30 horas.
Pola súa banda, Real Conservera Española está preparando un envío de material cara a provincia de Valencia. Unha axuda con dúas patas. Por un lado, latas da propia empresa que axuden a cubrir as necesidades de alimentación nas zonas máis golpeadas pola dana, nas que os destrozos nas infraestruturas seguen a dificultar o abastecemento da poboación. E a iso, os responsables da empresa confían sumar todo aquel material que particulares ou calquera outra entidade ou empresa lles achegue ás súas instalacións de 9 a 17 horas. Todo o reunido será enviado este venres con destino a Valencia.
Chamamento ao resto do sector
«Todo el equipo que formamos Real Conservera Española estamos conmovidos por la dimensión de esta tragedia y sentimos el deber de actuar con los medios a nuestro alcance». É por iso que o seu director comercial, Iago Conde, fai un chamamento a outras empresa: «Toda ayuda es poca y esperamos que más compañeros del sector ser sumen a la causa, ya que un producto como la conserva es un alimento nutritivo, no perecedero y fácil de distribuir entre los afectados que carecen de luz y gas para poder cocinar».