Vilagarcía e Cambados inician a súa rivalidade na Superdivisión

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

CEDIDA

O venres arrinca a máxima competición española con dous equipos arousáns coincidindo por vez primeira nela. O seu reto común, revalidar a praza

26 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Como a competición top de calquera outro deporte, a Superdivisión é un restrinxido club de elite, con admisión limitada no seu caso aos doce mellores equipos do tenis de mesa español. Tras un longo verán de luces apagadas por vacacións, esta semana reabre as súas portas. E entre a ducia de carnés de acceso ao club, dous con domicilio arousán. Logo da súa histórica estrea a tempada pasada, o Vilagarcía T.M. recupera a súa longa tradición de rivalidade co veciño Cambados T.M., que a comezos do pasado maio coroaba na fase de Pontevedra 45 anos de vida co seu primeiro ascenso á máxima categoría da man do trío formado polos granadinos José Manuel Ruíz e Rafael Taboada, e o canteirán da vila do albariño Fernando Padín.

Este último figura xunto con Ruíz no plantel de cinco homes reunido polos responsables do Cambados T.M. de cara abrir unha páxina de ouro na historia do club e pelexar, sinalaba onte o seu director deportivo, Ñajo Padín, o único obxectivo que se lles pasa pola cabeza aos integrantes da entidade arousá: «Conseguir la permanencia». O camiño parte este venres ás seis da tarde no local de xogo do Vincios.

Neste punto, Padín agarda «a ver si tenemos suerte na Liga». E iso, unha vez pechado esta mesma semana o plantel coa contratación de Stepan Shaposhnikov, un xogador ruso de 22 anos «con gran proyección», explica o responsable técnico do Cambados T.M. O eslavo, engade, «llega de la Liga Rusa, ahora mismo una liga potente. Me lo ofrecieron, y va a probar», con contrato para a primeira volta, «y después ya miraremos». O importante, subliña Ñajo Padín, é que «en este momento tenemos un equipo compensado, con el que, sin ser fácil, poder intentar conseguir la permanencia». Tras o adeus de Taboada, e con Fernando Padín e con Ruíz renovados, o Cambados T.M. conta ademais de co ruso coas fichaxes do chinés Sub-25 Qiu Liang, que tras un ano lesionado quere recuperar o seu mellor nivel entre España e Suecia para regresar á Liga Alemana, unha das máis potentes do mundo; e mais o murciano de 18 anos Javier Soria, internacional en categorías base e interno desde hai dous anos na Residencia Blume de Madrid.

Co mesmo obxectivo da permanencia parte o Vilagarcía T.M. Logo de coquetear media segunda volta da súa estrea na Superdivisión con xogar este curso en Europa, rematando finalmente ás portas da última praza continental co seu sétimo posto na Liga, o cadro da capital arousá mantén os seus tres homes máis valiosos, os internacionais por Chequia Michal Obeslo e por Bélxica Jean Lauric, e mais un ucraníno Sergei Nigeruk que inicia a súa undécima tempada no equipo. Mais «este ano a Liga é moito máis difícil», di o presidente do club, Antonio Castro, «ao ter que aliñar en cada partido un trío que supere os 3.500 puntos de ráking, o que significa que os equipos van levar sempre planteis potentes».

Con «menos cartos», di Castro, o verdadeiro problema do Vilagarcía é a perda de fondo de armario. Así, as baixas de Ramón Mampel, de Andrés Correa e do luso Jorge Costa foron suplidas coa contratación do veterán hispanocubano Renier Cabezas, fichado do Valencia, tamén na Superdivisión, e coa repesca do canteirán de 15 anos Pedro Castro, fillo do presidente, tras un ano cedido no Oroso de División de Honra.

Partidos no Pombal, e derbi en decembro

O Vilagarcía T.M. abrirá a súa segunda tempada na Superdivisión o sábado pola mañá na cancha do histório Arteal de Santiago. Non será ata a penúltima xornada da primeira volta cando se vexa as caras co seu veciño, co primeiro derbi arousán na elite o venres 14 de decembro no pavillón da Rúa Castelao. O Cambados T.M. cambia o seu tradicional escenario e hora de xogo, o pavillón de San Tomé nas tardes do sábado, polo do Pombal os domingos pola mañá, ao non cumprir o primeiro cos criterios da Federación para a categoría.