Lucía César Veloso: «Temos que rachar ca barreira de que somos radicais, o demo personificado»

a. garrido / s. gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Nega as acusacións do PP sobre un tripartito: «Hai un pacto de cidade no que eles sacan un salario e medio»

04 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A vida de Lucía César Veloso (Bamio, 1984) mudou de xeito total en tres anos. Pasou de militante de base, a entrar no pleno trala marcha de María Villaronga e, agora, a encabezar a candidatura do BNG en Vilagarcía para as vindeiras municipais. «Por mala sorte para María tivo que deixalo por motivos de saúde e tocoume entrar», lembra.

-O salto a liderar a candidatura é un paso moi grande...

-Teño que ser franca. Non sei que me ven os compañeiros, que din que teño que ser eu. Logo de lle dar moitas voltas e sopesar moitas cousas, porque a responsabilidade é grande, quixen responder a esa confianza e a ese esforzo que están facendo os compañeiros tamén, ao confiar en alguén que en certa medida leva dous días traballando. Gústame ser consecuente coas decisións que vou tomando: se no seu momento me puxen á súa disposición, agora intentarei facelo do mellor xeito posible

-Tivo dúbidas?

-A miña dúbida máis importante era se ía ser capaz de responder a esa responsabilidade que se me viña enriba. Sobre todo porque este trato cara os medios, cara fóra, é algo que non domino en certa medida. Somos un equipo, eu só son a cara visible.

-Como ve a situación do BNG agora?. Houbo cambios importantes aquí e en Galicia, e está aí o xurdimento das Mareas...

-É certo que foron moitos os movementos convulsos dentro das organizacións políticas, pero con todo creo que nós seguimos sempre unha liña clara, consecuente e coherente. Estamos nun momento de aire fresco, de rexeneración. E aquí, a nivel local, pasa un pouco o mesmo. Nós temos a idea de que non podemos traballar en función do que pase nas mareas nin noutras organizacións. É certo que estamos nun momento no que tratamos de achegarnos á xente nova. Vemos receptividade en determinados sectores, pero precisamos aínda rachar a barreira de que somos moi radicais, de que somos o demo personificado, os da caverna que queremos meternos aí. Facerlle entender a xente que somos quen somos e podemos abrirnos ao mundo dende aí. Tentando solucionar os problemas da xente.

-Vimos dun mandato un tanto peculiar....

-Moi peculiar, si. Uff. Colleume no mellor momento. Sería moito máis fácil se estivera o Partido Popular [risas}.

-O certo é que houbo marxe para negociar.

-Topamos unha situación moi complexa e complicada. Hai uns resultados e se decide non entrar no goberno. E, por outra banda, o PP chega a moitos acordos de xeito, dende o noso punto de vista, pouco grato con EU e Somos Maioría, e nós temos que ver que camiño tomar. Decidimos facer unha oposición construtiva. Creo que debería ser así na meirande parte dos casos. Independentemente de que teñamos ideoloxías diferentes, podemos facer aportacións. Traballamos para a xente e para sacar o máximo rendemento posible para a xente desas negociacións. É complicado con dous concelleiros fiscalizar todo o que se fai.

-O PP fala de bipartito. De tripartito, en realidade.

- Claro, pero como a min o PP non me ten moita credibilidade, non sei que entende o PP por bipartito. Ao mellor podemos entendelo como un pacto de cidade no que eles sacan un salario e medio. Nós só negociamos e traballamos coa xente que nos viña demandar solucións. Froito diso conseguíronse cousas que poden ser pequenas, pero dentro dun orzamento de 1,3 millóns que negociamos como concelleiros, houbo axudas para montes e para o IBI, e non é doado. Outra cousa é como se van executando ou como o fariamos nós. Temos os nosos traballos e non podemos estar enriba de todo.

-Esa «amabilidade», enténdena as bases do BNG?.

- Non é amabilidade. Reivindicamos o que temos que reivindicar, independentemente de que cheguemos ou non a acordos. Non vou ter panos quentes á hora de demandar as cousas que non se fixeron, ou plantarme e non negociar mentres as cousas pactadas non se cumpran.

Pasou co IBI igualmente. A min non me podes vender que decides baixar o 0,51 e me queiras deixar o rural ao 0,60. A min iso non me serve. Todos sabemos que no rural as condicións non son as mesmas que na urbana. Na nosa negociación eu teño que tirar da corda ata onde podo, sen pedir cousas irreais como pide o PP, como iso de volver ao 0,30. Ata o de agora debo dicir que no momento en que tiramos da corda, aínda que as veces foi arduo, responderon. A eles supoño que tamén lles interesará. Trátase de ceder as dúas partes, e, ata o de agora, os que menos tiñamos que perder eramos nós.

-Semella que o panorama non mudará moito nas eleccións de maio. Entraría o BNG nun goberno, de ser preciso?

-Haberá que valorar a situación cando sexa. Cando gobernamos aquí co PSOE, igual que na Xunta, os máis prexudicados fomos nós. Pero tamén hai que entender que o traballo dende a oposición tampouco ten a rendibilidade que debería. Hai que sopesar moito todo iso. Nós estamos para traballar coa xente, pero a xente debe entender que podemos traballar ata onde nolo permite o resultado electoral. O que nos venden é que sigamos Gran Hermano e Jorge Javier e Ana Rosa, e o resto déixao estar. Non interesa que a xente se implique.

-Falemos do programa.

-Temos unhas liñas básicas infranqueables. A lingua e a cultura son, para nós, sumamente importantes. E a atención ás parroquias. Pasan os gobernos, e sempre acaban caendo no mesmo. Agora, praza de Galicia e praza da Independencia, e temos lugares coma O Foxo, en Cea, que ten enganches de sumidoiros a tres metros, pero ten que esperar. Parécenos inaudito que en pleno século XXI haxa casas sen acceso á rede de sumidoiros. As peonalizacións, están ben, pero deben ir á par do bo funcionamento dos servizos públicos. A Castroagudín non chega o bus, por exemplo. Eu, que son de Bamio, non podería vir traballar en transporte público polos horarios. Outra das cousas que queremos poñer en valor é o patrimonio cultural e natural. En Vilagarcía, como cabeceira da comarca, deberiamos ter un museo, por exemplo. Falemos de Castro Alobre, dun museo do mar, das artes do mar. Temos fondos importantes da UE e hai que traballar nesas cuestións. Aparte de seguir coa humanización, que, como ben sabedes, é unha marca moi nosa. Hai moito por facer.

«Se depende da nosa man que o PP non volva o goberno, temos moi claro que imos evitalo»

O BNG é a única formación que presentou mulleres, nas anteriores eleccións María Villaronga e nestas Lucía César, como candidatas á alcaldía. «Estamos tan preparadas como calquera home, e xa vai sendo hora de que as mulleres asumamos responsabilidades na vida política. Tristemente se nos foi dando outro tipo de papeis, de menos relevancia», di a nacionalista.

-Apréciase un retroceso imporante. Mesmo hai partidos, como Vox...

-E mesmo no Partido Popular. Teño claro que dende o PP non ían pular nunca por unha muller. Percíbese en determinadas cuestións, mesmo nos plenos. Agora Tomás Fole non está, pero cando estaba era tremendo. Ao mellor as mulleres do PP están moi cómodas nesa situación e asumen que ten que ser así. Un día dixo Ana Granja: «Las mujeres del PP somos tan mujeres como el resto de las mujeres».

-Parece que haberá unha marea en Vilagarcía. Preocúpalle?

-Non o teño moi claro, marea, podemos máis... van ir xuntos ou non?

-Semella que si. EU e Somos presentan moitas mocións xuntos. Hai posibilidades de pactar con eles?

- Haberá que ver como se presenta a cuestión. Á miña entrada no Concello me sorprendían moitas cousas. Non daba entendido determinadas cuestións, pero xa fun vendo que o máis parvo fai avións. Non vou xulgar a ninguén, pero houbo unha tendencia en todo o mandato entre estas dúas formacións a chegar a acordos co PP, e agora arriman máis a ascua ao goberno polo que poida pasar. A día de hoxe chegariamos a un acordo con EU e Somos? Depende do tipo de acordo e de como se artellara. Nas próximas eleccións en función da representación que teñamos chegaremos a acordos? Igual temos que chegar, ou igual non. Se da nosa man depende que o PP non volva o goberno, temos moi claro que imos evitalo da maneira que sexa. Outra cousa é que haxa outras circunstancias arredor. Cada un terá que ir vendo como se lle van dando as cousas e como se vai organizando dacordo coa súa traxectoria política ao longo do mandato. Nós fomos bastante coherentes, pero iso non quita que chegado o momento non teñamos que tirarlle das ourellas o goberno. Xa dei moitos avisos nos últimos meses. O mellor, daquí o que queda de mandato terei que tirarlles máis. Supoño que quererán negociar outros orzamentos antes das eleccións.