Xoanqui Ameixeiras presenta «Receitas para encher o peito» en Follas Novas Arousa

VILAGARCÍA DE AROUSA

O acto desenvólvese este sábado, 10 de xuño, na libraría de Vilagarcía a partir das 12 horas
09 jun 2023 . Actualizado a las 17:38 h.Un feixe de boas elaboracións que xorden dende o fondo de armario dunha entrañable cociña familiar para ficar a disposición de calquera amante da gastronomía que estea disposto a agarrar unha tixola ou unha tarteira e prender un par de lumes. Este é o espírito que anima Receitas para encher o peito, o primeiro recetario de Xoanqui Ameixeiras, o cociñeiro da gorra e da Galega que reparte as súas querencias entre Ferrol e Vilagarcía de Arousa. O libro, publicado por Editorial Galaxia, vai ser presentado este sábado, 10 de xuño, na libraría Follas Novas, na capital arousá. A cita é a unha hora redonda: as doce do mediodía.
Xunta Xoanqui estarán en Follas Novas un bo amigo, José Manuel García, autor do limiar do receitario e director do programa Comer e falar, todo é comezar, en Si Radio; e o escritor vilagarcián e director de Edicións de Galaxia, Marcos Calveiro. Dende dúas elaboracións lendarias, a xiba con fabas e o bisté A Marola, que os seus pais servían no mesón A Marola de Fene, ata un saboroso potaxe de rabo de porco con nabizas ou as excelentes ovas de pescada ou polbo, o mar, a gandeiría e a horta do país desfilan polas páxinas destas receitas que enchen o peito, pero tamén o ollo. Porque, como o mesmo autor demostra coas imaxes que ilustran cada preparación, «un par de patacas e un bo anaco de carne abondan para presentar un prato atractivo». Saír sen fame desta presentación vai ser imposible.