Segue o Agosto Gastronómico en Valga coa fusión da anguía, o porco e augardente
VILAGARCÍA DE AROUSA
O cociñeiro Álex Iglesias realizou, no showcooking deste martes, varios pratos nos que combinou con éxito ambos produtos
15 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Anguía e augardente, dous produtos que podería parecer que non casan ben pero que, sen embargo, a nivel culinario funcionan en perfecta comuñón. Así o puideron comprobar este martes os case trinta asistentes ao segundo showcooking do Agosto Gastronómico que, de novo, correu a cargo do chef Álex Iglesias, do restaurante Dúas Liñas de Arzúa.
«A caña no prato» foi o nome da demostración culinaria en vivo, na que se anunciaba a elaboración de catro pratos empregando as diferentes variedades de caña do país. Sen embargo, o cociñeiro quixo rizar o rizo e ofreceu dúas elaboracións nas que se combinaban anguía e augardente. A primeira foi «Anguía ao allo», feita ao estilo tradicional e flamexada con caña tostada. A continuación, serviu anguía con polbo nunha salsa verde á que incorporou caña de herbas.
Deixando a anguía á marxe e concentrando xa todo o protagonismo na caña do país de Valga, o terceiro prato salgado foi un «Taco de pulled pork e crema de caña», cun recheo a base de carne de porco en fíos e adobada con augardente branca e salsa grellada.
Para completar o menú, e como sobremesa, Álex Iglesias preparou unha filloa rechea de crema de froitos vermellos e flamexada con caña de herbas que conquistou os padais dos comensais.
O cociñeiro explicou, durante o cociñado, que o toque alcólico que aporta a augardente casa moi ben con determinadas elaboracións. Ademais, as variedades de herbas e tostada aportan «un toque herbáceo ou afumado que non teñen outros destilados», asegura.
Os showcookings continúan o vindeiro martes, día 20, coa actividade «Universo anguía», na que se elaborarán catro receitas con este peixe do Ulla e para a que xa están todas as prazas cubertas. O domingo abre o prazo de inscrición na demostración de coctelería «Moito máis que caña», programada para o 27 de agosto e coa que se pechará a cuarta edición do Agosto Gastronómico.
Estas actividades son gratuítas pero solidarias, polo que para asistir cada persoa ten que aportar un quilogramo de alimentos non perecedoiros que serán doados ao departamento municipal de Servizos Sociais para repartir entre as familias máis desfavorecidas.