Unha confusión lingüística outorga a «Barullo» un gol do Arousa fronte ao Polvorín nunha aplicación de resultados de fútbol

Iago García
IAGO GARCÍA REDACCIÓN

VILAGARCÍA DE AROUSA

Á esquerda, a publicación do Arosa en redes sociais que Flashscore tomou como referencia para darlle erróneamente un gol en propia do Polvorín a «Barullo», un xogador inexistente.
Á esquerda, a publicación do Arosa en redes sociais que Flashscore tomou como referencia para darlle erróneamente un gol en propia do Polvorín a «Barullo», un xogador inexistente.

«Barullo na área e acurtamos distancias!», escribiu o community manager do equipo arousán, algo que fixo que Flashscore concedera a un xogador inexistente con ese nome o tanto, que supuxo o 2-1 no encontro da xornada 22 do grupo 1 da Terceira Federación

18 feb 2025 . Actualizado a las 19:42 h.

A visita do Arousa a Lugo para medirse ao Polvorín este pasado domingo na xornada 22 do Grupo 1 de Terceira Federación está sendo moi comentada. Os arousáns conseguiron rematar o partido con victoria despois de que os locais se adiantasen ata en dúas ocasións. Despois dos primeiros 29 minutos de xogo, os lucenses gañaban 2-0 grazas aos goles de Maceira e Sobrido. Pero xusto antes do descanso ía chegar o chamado «gol psicolóxico» para os arousáns. No minuto 42, o community manager do Arousa anunciaba o tanto que volvía meter no encontro ao conxunto de Vilagarcía: «Barullo na área e acurtamos distancias! GOOOOOOOL DO AROUSA!». Tocaba polo tanto actualizar o resultado, tamén nas moitas aplicacións que permiten seguir minuto a minuto a xornada. O gol foi anotado en propia por Pablo Rubal, pero Flashscore, decidiu outorgarllo a «Barullo», fiándose da publicación en redes sociais e non contrastando que esa palabra, que segundo o dicionario da Real Academia Galega significa «mestura confusa de cousas ou persoas», non se refería a ningún xogador.   

Aínda que o erro foi subsanado pouco despois pola aplicación, os creadores do podcast sobre fútbol galego e usuarios da rede social X co nome de Non Vale Furar conseguiron facer as correspondentes capturas de pantalla e compartilas para amosar esta simpática anécdota, que está xenerando moitos comentarios. Algúns pregúntanse cal é a cláusula de «Barullo» para incorporalo canto antes ao equipo pontevedrés.

En todo caso, o máis importante para o Arousa foi gañar o encontro despois dunha segunda metade na que os goles de Hugo Villaverde e José Rivera completarían a remontada para o 2-3 final. Grazas a estes tres puntos os vilagarciáns consolídanse na quinta praza do seu grupo de Terceira Federación, posto de play-off de ascenso, con 4 puntos máis que o Noia e a 5 do Estradense.