Carlos Coira: «Temos que encher todos o pavillón e poder conseguir ese ascenso»

VILAGARCÍA DE AROUSA

O Mariscos Antón Cortegada contará na fase co factor cancha grazas ao apoio decidido do Concello
06 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Mariscos Antón Cortegada pelexará polo ascenso á Liga Challenge co apoio da súa afección. Un plus fronte aos seus sete rivais de partida desde este xoves no Pavillón Municipal Sara Gómez, grazas ao respaldo decidido da Fundación de Deportes e do Concello de Vilagarcía. «A falta de tres partidos o club preguntounos se poderían contar con nós para organizar a fase, e dixémoslle que si», desvela Carlos Coira, presidente do ente reitor da xestión das infraestruturas deportivas da capital arousá.
—Que supón para o Concello de Vilagarcía acoller unha fase de ascenso á Liga Challenge?
—Estamos encantados de poder acollela. Van ser oito equipos dun nivel moi alto aquí. A idea é que toda Vilagarcía poida apoiar a gran temporada que está facendo o Cortegada, e apoiándoo, a ver se se pode conseguir o ascenso. E independentemente do tema deportivo, ter estes oito equipos, os seus acompañantes, os árbitros e federativos..., queremos que coñezan Vilagarcía, e o retorno económico que lle darán á cidade.
—Teñen calculado ese retorno?
—Non. Pero sabemos que será importante. Penso que os hoteis nestes días van estar repletos. E na hostalaría, o mesmo.
—O pavillón de Fontecarmoa, desde hai dez días Pavillón Sara Gómez, acabou ser reformado a conciencia en setembro. Máis aló da actividade regular dos clubs que o usan, é de entender que tamén pensando en grandes citas como a desta semana?
—Exacto. Exacto. Se non se fixera a reforma do pavillón, probablemente non se puidera acoller esta fase. Xa se leva unha temporada nel, e todo o mundo nos fala moi ben del. A propia comodidade para os espectadores nótase. Ademais da federación de baloncesto, as de balonmán e voleibol coñeceron as instalacións tras a reforma e gustoulles moito. E ademais de ter un pavillón acabado de reformar, temos outro xusto ao carón, o que facilita xogar dous partidos ao mesmo tempo. É algo bo que as federacións queiran vir facer eventos na nosa cidade.
—Máis aló da infraestrutura, como está a apoiar a Fundación de Deportes de Vilagarcía o Cortegada no seu intento de saltar de categoría xogando na casa?
—Pois estamos coorganizando a fase, vendo que gastos ten este play-off; parte vainos pagar o club e parte deles vainos pagar o Concello. Estamos vendo que gastos asume cada parte. E despois, no tema loxístico. Xa tivemos varias reunións co Cortegada para ver como se organizan os espazos. Poder traer aquí unha fase de ascenso é algo importante, e queremos colaborar o máximo posible co Cortegada.
—Que agarda ver do xoves ao domingo no Sara Gómez?
—Pois espero, sobre todo cando xogue o Cortegada, que estea cheo o pavillón. Nos partidos da mañá é máis complicado, porque a xente traballa. Pero os das sete e media, aí temos que encher todos o pavillón para chegar á final e poder conseguir ese ascenso.
—Vilagarcía leva décadas presumindo das súas instalacións deportivas, pero o paso do tempo fixo mella nelas e tocou investir moitas e elevadas partidas en recuperalas do seu desgaste. Satisfeito cos resultados?
—Si. As instalacións deportivas demandan moito, temos moitas instalacións deportivas municipais. A nivel galego, debemos de ser o concello que ten máis en relación cos seus habitantes. Imos reformándoas, facendo cousas. Todas as instalacións foron mellorando, inda que sempre hai algo que se pode mellorar. Penso que o imporante é dispoñer desas instalacións. Hai clubs que case teñen unha instalación para o seu uso exclusivo. Penso que iso é de valorar. Ao mellor poderiamos ter menos instalacións e estar perfectas, pero penso que é mellor dispoñer de moitas instalacións inda que non estean perfectas, perfectas e que nos dean todo este xogo.
—Que e canto queda por diante para dar por completada a renovación integral da infraestrutura deportiva municipal?
—Iso é continuo. Porque temos unha listaxe de moitas cousas que temos que facer. Damos prioridade ao nivel de xogo, para protexer o deportista, como o cambio dun campo ou dunha pista, que se poida xogar sen esvarar. Pero aparte disto, hai moitas cousas que se poden mellorar, como as bancadas. É algo que non se vai terminar nunca. Imos facer reformas e reformas cada ano, porque así o requiren as instalacións. O luns pasado adxudicáronse as melloras que se van facer no campo de Berdón. Vanse mellorar as pistas de atletismo, imos mellorar a iluminación no campo municipal de Vilaxoán, vaise poñer unha caseta-vestiario no campo da Pelada, comprouse unha pista máis para Fexdega, de 40x20, máis grande das que xa temos, para poder practicar tamén balonmán e fútbol sala, compramos bancadas para os pavillóns de Carril e de Faxilde...
—Pódese pensar entón en novas dotacións, ou Vilagarcía xa está perfectamente cuberta?
—A nosa prioridade agora mesmo é mellorar as que xa temos, ademais de facer a nova piscina.
Un pavillón posto ao día corenta anos despois cun investimento de máis de dous millóns
A escolla de Vilagarcía de Arousa como sede da fase de ascenso á Liga Challenge foi posible pola aposta decidida do Concello de Vilagarcía de apoiar a Agrupación Deportiva Cortegada no que, confían, sexa un proveitoso e feliz epílogo á temporada. Con todo, o papel da Administración local neste punto vén de antes. Concretamente, da decisión do executivo de Alberto Varela de poñer fin a décadas de problemas estruturais no pavillón municipal número 1 de Fontecarmoa, con recorrentes episodios de humidades que lle custaron aos seus usuarios, principalmente ao propio Cortegada, máis dun desgusto.
Durante máis dun ano, a instalación permaneceu pechada para ser sometida a unha completa e necesaria renovación. Cun orzamento de case 2,2 millóns de euros, case 1,8 con fondos de Ravella, directos e indirectos —Plan Concellos da Deputación—, e 350.000 da Secretaría Xeral do Deporte, o vello Fontecarmoa quedou no esqueleto para recibir unha nova envoltura coa que poñerse ao día despois de máis de 40 anos de servizo.
A primeira semana de setembro do 2024 reabría as súas portas un pavillón cunha cuberta nova, fachadas recubertas e un sistema de climatización moderno, substituíndose por completo a instalación eléctrica, tanto na cancha coma no seu perímetro, vestiarios e aseos. Estes últimos espazos, sometidos tamén a unha reforma en profundidade.
A todo o anterior engadíuselle a colocación dun parque de placas solares que xera enerxía eléctrica coa que abastecer a propia instalación deportiva, convertida nun edificio sostible e eficiente enerxeticamente. Melloras que deixaron atrás a imaxe dun pavillón hostil ao espectador para gañar en confort e luminosidade. E como colofón, o seu novo bautizo, hai dez días, co nome de Sara Gómez.