Vilagarcía verá a súa primeira proba da Liga Galega de Salvamento en Praia

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Organizada polo club local, celebraráse na area e nas augas da Concha o sábado e o domingo

28 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Liga Galega de Praia de Salvamento fará parada esta fin de semana en Vilagarcía de Arousa. Na praia da Concha, o Club Salvamento Vilagarcía exercerá por primeira vez na súa historia de anfitrión dunha proba, a terceira da temporada, da modalidade ao aire libre do salvamento, logo de terse estreado no 2019 como organizador dunha das xornadas da Liga Galega de Piscina.

O sábado, a partir das 10.10 horas, será a quenda para os cadetes e os xuvenís (13 a 16 anos), que disputarán as probas de carreira con táboa, de relevo de triada, de ocean e de relevo de ocean. Pola tarde, desde as 16.00 horas, os alevíns e os infantís (10 a 12 anos) competirán en carreira con táboa de salvamento, en nadar surf e en relevo de triada. O domingo, nos mesmos horarios, pola mañá os séniores pelexarán por ser os mellores en ocean e en relevo de ocean, e pola tarde os máster en esprint praia, en relevo de esprint, en carreira con ski, en ocean e en relevo de ocean.

Desde o CS Vilagarcía a súa presidenta, Bárbara Vázquez, salienta a espectacularidade das probas de ocean, nas que se combinan a natación con carreira na praia e unha carreira de táboa e de piragua ski na auga, requirindo a habilidade no manexo do equipamento.