Rei Zentolo súmase aos patrocinadores do Curtas de Vilagarcía e fará unha camiseta exclusiva
VILAGARCÍA DE AROUSA

A coñecida marca de roupa feita con humor galego súmase a un tren que veñen de coller tamén a Agadic e a produtora estadounidense De Ángeles Films
10 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O anuncio do motivo central da vindeira edición do Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa vén acompañado dunha excelente noticia: a incorporación dun novo patrocinador para o certame. E non de calquera. Rei Zentolo, a marca pontevedresa que introduciu o humor galego como gran gancho para a venda de prendas de roupa tuneadas con frases e imaxes enxeñosas, súmase ao tren do festival dirixido por Luis Miguel Rosales.
Dos seus creativos sairá o novo merchandising do Curtas. E non só iso. Rei Zentolo deseñará unha camiseta exclusiva para a cita vilagarciá, que poderá ser adquirida polos seus asistentes.
«Estamos moi contentos de que entre unha marca emblemática para Galicia e énchenos de orgullo que aposten polo festival», declara Rosales.
Rei Zentolo é o terceiro novo patrocinador que suma o Curtas este ano, tras a entrada da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e De Ángeles Films, produtora de Los Ángeles (EE.UU.).