A profesora presentará o venres no Ateneo un libro froito das conversas con Sagarzazu, Arzak e Montesinos
24 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Aínda que naceu no País Vasco, onde desenvolve a súa profesión como mestra de antropoloxía na universidade, Rosa García-Orellán ten raíces ribeirenses. De feito, pasa neste municipio todo o tempo que pode. O venres, aproveitando a súa estancia en Corrubedo con motivo do Nadal, presentará no Ateneo Valle-Inclán o seu quinto libro: Encuentros creativos .
-As súas especialidades son a morte e a pesca, pero neste caso deu un xiro radical, ¿por que?
-Este libro comezou como un desafío que eu expuxen nun curso de verán sobre as historias da vida do seguinte xeito: ¿Que pasaría se nos metésemos na historia dun gran creador sen saber nada da súa vida? Eu elixín ao estilista Iñaki Sagarzazu e a partir da súa biografía fun abrindo o libro cara a moda e a alta costura. Foi entón cando mantiven conversas con Juan Mari Arzak e Francis Montesinos.
-¿Como definiría a cada un destes creadores?
-Son sinxelos, aínda que moi disciplinados. Os tres van un paso por diante do resto da xente, iso é o que lles permite marcar tendencias e crear novas necesidades entre o público.
-¿Que conclusións sacou vostede das conversas que mantivo con eles?
-A principal é que os tres teñen dúas cousas en común, unha formación moi sólida e unha creación que se sustenta na súa propia vida. Para entender como crean hai que tomar como referencia as súas biografías.
-¿Que lle pode aportar á xente de a pé este libro?
-Esta obra é como unha fiestra dende a que poder ver o que hai detrás destes grandes creadores. Detrás de todo o que levamos e dos obxectos que usamos hai un estilo creado. O que persigo con este libro é amosar como viven os encargados de establecer as novas necesidades dos consumidores.
-Vostede fala moito de modas e de tendencias, ¿cre que se lles concede demasiada importancia na sociedade actual?
-Eu no libro fago un percorrido pola evolución que a moda sufriu no século XX. O que está claro é que ata os anos sesenta, era un luxo das clases altas pero, a partir de entón, popularizouse. Hoxe, a moda é un dos grandes motores económicos e eu vexo a necesidade de amosar este motor dende a súa trastenda, amosando como son as vidas dos que marcan as tendencias.
-¿Foi complicado o proceso de recompilación de toda a información que contén «Encuentros creativos»?
-Investín uns dous anos na investigación. Comecei en setembro do 2006 e rematei o pasado mes de maio. Iso si, estou moi satisfeita do resultado, sobre todo porque son Sagarzazu, Arkaz e Montesinos os que falan neste libro, os que expoñen a súa vida.