«Coidemos o que temos, amemos onde vivimos e todo irá sobre rodas»

La Voz

BARBANZA

20 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Antonio Parada é todo un especialista en arqueoloxía barbancesa. Pregúntolle cantos castros hai na Barbanza.

-Sobre 37 ou 38. En moitos só queda o sitio, máis nada. Sobre estes xacementos recomendo consultar o traballo de Xerardo Agrafoxo Prehistoria e arqueoloxía da terra da Barbanza; e da grande cantidade de petróglifos que temos a sorte de ter, hai un bo traballo feito por Jorge Guitián Castromil e Xoán Guitián Rivera, entre outros. -¿Se protexemos o noso patrimonio natural e arqueolóxico poderíamos ser unha potencia de turismo cultural de primeiro orde? -De primeiro non porque non temos pirámides, etcétera, pero si que nos poderíamos mover nun entorno dun turismo comprometido coa cultura e co medio ambiente. Temos o exemplo das dunas de Corrubedo, sen esquecernos da illa de Sálvora, que forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas, un foco de atención de moitos viaxeiros. Falar da cultura castrexa é falar dunha cultura conectada en rede con países como Francia, Reino Unido, Irlanda, Portugal e outros. -¿Que temos en común con eles? -Unha paisaxe e unhas tradicións similares. Conectarnos entre nós permitirá que sexamos máis permeables cara o coñecemento mutuo sen renunciar ás nosas formas de comunicarnos. O entorno fará que flúa máis número de viaxeiros e que a estes se lles poida aportar servizos como hoteis, restaurantes, talasoterapia, casas de turismo rural e visitas guiadas por mar. Un bo exemplo disto témolo en Aguiño con dúas embarcacións que levan xente a coñecer as tradicións mariñeiras e visitar as illas. Agora estamos ben comunicados: a corenta minutos dun aeroporto internacional. E, como se está vendo, o tren de proximidade pode chegar a ser unha realidade. -Ve, logo, un futuro esperanzador. -Si, pero para iso debemos comprometernos todos, buscar a profesionalización e, dentro dela, a excelencia. Vivimos nun lugar privilexiado. Como amante da natureza e como mariñeiro que navegou por unha boa parte do mundo, o podo dicir. Coidemos o que temos, amemos onde vivimos e todo irá sobre rodas.