«Sería interesante recuperar as pesqueiras de Goiáns»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

31 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Desde que a finca e o pazo de Goiáns pasaron a formar parte do patrimonio municipal boirense, o Concello puxo en marcha un plan para dar a coñecer o conxunto, ofrecéndolle aos veciños a posibilidade de participar nunha visita guiada. A presidenta da asociación etnográfica O Faiado, Luisa López, foi a que se encargou ata o de agora de dirixir os percorridos que uns trescentos estudantes fixeron pola paraxe. Este domingo repetirá experiencia, aínda que cun grupo de veciños de Lampón. Non é unha misión que lle asuste, pois ela é unha auténtica especialista do patrimonio da comarca en xeral.

-¿Como foi que acabou vostede exercendo de guía no conxunto de Goiáns?

-Propuxéronmo desde o Concello, inicialmente para participar nunhas visitas de alumnos do colexio Praia Xardín e aceptei. Desde O Faiado traballamos en varias ocasións o tema de Goiáns, de feito figura en tres estudos que nós editamos: Percorrendo Barbanza, Heráldica en Boiro e Camelias en Boiro. A maiores, hai que lembrar que a asociación organizou no mes de xaneiro a primeira ruta que se fixo pola finca e o pazo, unha actividade que resultou todo un éxito, pois participaron un cento de persoas.

-¿Como estrutura as visitas por este importante enclave?

-Todo depende da idade dos visitantes, xa que cando son pequenos fágoo como se se tratara dun conto. En todo caso, tento que sexa un diálogo cos rapaces, formulándolles diversas preguntas. Percorremos o pombal, a vivenda do caseiro, o hórreo, a adega, o embarcadoiro e a pesqueira, os xardíns, a entrada á torre, o pazo e a capela.

-¿É difícil manter o interese dos nenos ao longo da hora que dura o percorrido?

-Tento facer as visitas o máis amenas posible, con explicacións sobre como vivía a xente na época medieval, a importancia que tiñan as árbores e as pesqueiras. Relaciono o pazo con entorno, coas mámoas, coa importancia dos minerais ou cos castros que hai polo río Coroño arriba. Cando lles falo do pazo, anímoos a que busquen edificios deste tipo na súa aldea e os comparen co de Goiáns. Tamén os convido a facer un debuxo, pois temos pensado montar unha exposición coa colaboración do Concello.

-¿Que parte da visita esperta máis interese?

-Aos nenos gústalles moito a torre, iso está claro, pero os mestres que non coñecen a zona e veñen por vez primeira quedan sorprendidos coas dimensións da finca.

-E a vostede, ¿que é o que máis lle gusta?

-O mellor de Goiáns é o que aínda está por explorar; por unha banda o monte, ao que lle teño moitas gañas e, por outra, as pesqueiras, que no pasado xogaron un papel fundamental. Hai moi poucos traballos feitos sobre este tipo de construcións, pero a maior parte delas son do século XVI ou incluso anteriores. Considero que sería moi interesante sacar á luz o pasado das pesqueiras de Goiáns, a época á que pertencen e o uso concreto que tiñan.

-¿Considera acertada a decisión do Concello de Boiro de adquirir esta paraxe?

-Acertada ou non, o que está claro é que agora hai que buscar a forma de que xere cartos. Xa non é o momento de valorar a decisión tomada, senón de poñer enriba da mesa fórmulas que permitan sacarlle rendemento. Penso que é un lugar axeitado para o turismo, pero para un turismo organizado. Isto incluso lle permitiría á xente da zona sumarse ao proxecto.

-¿Pensa entón que o futuro do pazo debe estar vinculado ao turismo?

-Polo menos en parte, si. Logo, hai que buscar algo innovador. Sería interesante recuperar as pesqueiras de Goiáns. Penso que habería que acondicionalas e poñelas de novo en funcionamento. A nivel turístico, creo que podería idearse unha gran ruta por Arousa Norte que incluíra as casas literarias de Rianxo, o castro de Neixón, o pazo de Goiáns, o museo Valle-Inclán e as dunas de Corrubedo. Sería unha ruta moi completa e variada.