Confesións antes do amencer

Gonzalo Trasbach
Gonzalo Trasbach (IN) SOMNIUM

BARBANZA

16 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

matalobos

Nun instante de fondo silencio no medio da noite, de socate murmúrasme que non che gustan moito esas paisaxes bonitas, esas que semellan postais de Nadal. E respóndoche que a min tampouco, meu ben. Esas imaxes de atardeceres e alboradas de película, inmaculadas. En verdade, esas fotos de ensoño, prodúcenme un pouco de cansazo. Vólveste cara a min e cóntasme que procedes de paraxes de terras resecas, con árbores fracas e de pel rugosa, coma as das mans das xentes que antigamente as poboaban, e de montañas peladas coroadas de outeiros e cunha luz da alba que traía consigo bandadas de aves cos bandullos cargados de lagartos verdosos, ás que acompañaban paxariños que tiñan os seus diminutos peteiros engalanados con bolboretas. «Isto, dende logo, non é moi bonito, pero é fascinante. Non che parece?», puntualizas e pregúntasme á vez.

Pasada unha pequena paréntese reflexiva, coméntoche que tampouco eu son partidario desa imaxe da nosa terra que se vende cara a fóra co fin de atraer o turismo, unha estampa de terra paradisíaca, tan fantástica e marabillosa que non parece que nela teña cabida unha beleza recóndita, esa beleza espida que agroma sen elementos pintorescos en espazos nos que a mesma fealdade ten unha aura tan bárbara, tanto que un ámaa cun amor de igual a igual, de ti a ti, porque, sinxelamente, responde ao que ninguén quere ou ao que case todos desprezan ou, aínda moito peor, ignoran.

Neses recantos perdidos, indiferentes, insignificantes para os focos, sempre me lembro dos camiños cubertos de follas secas e esmagadas contra a terra, porque así era o chan da nosa infancia cando chegaba o inverno, ¿non era así queridos veciños? Daquela, vellos compañeiros, ¿que sabiamos nós dos girasoles? Dende logo que non sabiamos que xiran lentamente as corolas cara ao sol, o seu creador. O que si sabiamos era que as nosas nais nos aprenderan a comer a boroa con dozura e agradecemento. Si, miña nena. «¿Que?» Digo que, como dicía o Lois Pereiro, «polas nosas veas corre sangue rural. Nós recoñecémonos na terra, na lenta vitalidade das árbores, na invencible resignación da herba, no son da soidade, do silencio. «¿Quen é ese?». Un poeta que morreu moi novo. «Xa», córtasme.

Serían xa case as cinco e media da madrugada cando me volviches espertar. Como aínda non escoitara os berros dos corvos, supuxen que aínda non nacera a esvaecida luz da aurora que xorde das tebras. E entón, cóntasme que unha vez na praia cruzaches a mirada cun home moi guapo que che agasallou cun alegre sorriso. E logo disme que che gustaba, pero que non o querías para ti. Pois nestas cousas pásache coma coas paisaxes: tamén prefires persoas un pouco feas, pero de movementos harmoniosos. E máis tarde descóbresme un pequeno segredo: que sempre che gustou perfumarte toda para acudir ás citas. E contéstoche: «Algo si sabía, nena. De feito, aínda que xa son un vello can de palleiro, cando adiviño que vas saír da casa, tamén me perfumo todo. Uso o misterioso perfume da rosa branca». ¿Por que ese? «Porque sei que che pon toliña (por min)», respóndoche. E entón, vexo na penumbra o teu cómplice sorroso.

É case de día. Outra vez está aquí o vello decembro. «¿Por que me ves agora con iso?», interrogas. Porque durante moitos anos estiven anoxado con el. Naquel tempo, nunha das súas primeiras mañás fixérame chorar de remordemento e tristura. Mais agora xa me sinto reconciliado con el porque lle perdoei de corazón, pero cando regresa, a miña rama esgazada aínda se bota a sangrar. «Xa. Durme un pouco». Cálmasme pasándome a man pola cabeza, e mentres acórdome de Clarice Lispector: «Dormir es abstraerse y explayarse en la nada».