Xosé Luís Veiras, Museo do Gravado e Alonso Montero, novos finalistas dos Sereos

BARBANZA

Ana Blanco, Esperanza Mara, Museo Valle-Inclán, Centro Arqueolóxico do Barbanza, Manuel Olveira e Sonia Lebedynski volven a optar aos premios
08 nov 2022 . Actualizado a las 21:36 h.Este ano acádase a decimo sexta edición dos premios Sereo que entrega a Asociación Cultural Barbantia. Os galardóns pretenden ser un recoñecemento á traxectoria de persoas no eido cultural, por unha banda; tamén á iniciativa cultural e, para completar, a persoeiros da cultura cuxa labor transcende a comarca. Como é costume, os socios de Barbantia serán os que decanten a balanza de unha terna de tres candidatos por cada categoría. Cada ano, incorpóranse tres novos, suxeridos polos mesmos socios, para cubrir o espazo que deixan os gañadores. Nesta edición, as novidades son a incorporación do pintor Xosé Luís Veiras Manteiga, pola súa traxectoria; o Museo do Gravado de Artes, pola iniciativa; e o poliédrico Xesús Alonso Montero, pola cultura galega.
Deste xeito, os votantes van ter que decantarse, para decidir o sereo á Traxectoria Cultural no Barbanza, por Ana Blanco, Esperanza Mara ou Xosé Luís Veiras Manteiga. Na Iniciativa Cultural no Barbanza, polo Museo Valle-Inclán, o Centro Arqueolóxico do Barbanza ou o Museo do Gravado de Artes. E no premio da Cultura Galega, por Manuel Olveira, Sonia Lebedynski ou o sinalado Xesús Alonso Montero.
A entidade xa empezou a remitir aos socios as propostas para que cubran as papeletas, nas que deberán elixir a un por categoría, marcando unha xe onde corresponda, e, a continuación, remitir o voto ao enderezo postal de Barbantia, no Centro Social de Boiro, Rúa Principal 77, 15930; por correo electrónico a barbantia@barbantia.es ou pastor@barbantia.es antes do 30 deste mes.
Tamén se pode introducir a papeleta nunha urna que se poñerá a disposición dos socios nos actos de Barbantia que se celebren ata o fin de novembro. Ademais, no mesmo pódense suxerir tres candidatos máis por cada unha categoría.
Acto de entrega
Aqueles que resulten ser os gañadores dos premio serán informados pola xunta de Barbantia para que acudan á entrega, que será o sábado 10 de decembro, ás 12.30, no Pazo de Goiáns, en Boiro, acto no que tamén se presentará o décimo oitavo volume do Anuario de estudos do Barbanza 2022.
Os tres recoñecidos serán agasallados cunha figura de bronce feita pola escultora noiesa Soledad Penalta, que se estreou o ano pasado na entrega que recoñeceu ao músico Enrique Paisal, á Cofradía da Dorna e ao escrito Manuel Caamaño.