
Unha obra «orientada aos catro puntos cardinais» que denuncia os asasinatos de mulleres, vítimas do feminicidio constante e vil
03 mar 2025 . Actualizado a las 10:55 h.Vai xa para seis anos que Ribeira estreaba a escultura Venus, do artista Fernando Yáñez, unha pirámide de cristal invertida ateigada cuns mil zapatos vermellos, doados por mulleres ribeirenses, e cravada, paradoxalmente e como contraste radical, na praza das Heroínas de Sálvora. Unha obra «orientada aos catro puntos cardinais» que denuncia os asasinatos de mulleres, vítimas do feminicidio constante e vil que a nosa sociedade está a padecer.
O exemplo máis socorrido segue a ser a homenaxe que, en 2009, a artista mexicana Elina Chauvet executa en Ciudad Juárez, nunha performance de 33 pares de zapatos pintados e doados por mulleres que titula Zapatos vermellos, replicada logo conceptualmente en múltiples países do mundo. No fondo, abrolla o machismo como sistema de crenzas que sostén a superioridade do home sobre a muller, e que perpetúa as agresións gratuítas e a impunidade en moitos dos casos. Esta instalación enfróntase a este problema ao recordarnos a magnitude das mortes violentas e desaparicións, e a equivalente urxencia da xustiza debida.
Ausencia de vítimas
Os zapatos descalzos e vermellos representan a ausencia das vítimas, ao tempo que a cor evoca o sangue derramado e a dor da perda, mais tamén «o corazón da esperanza». Ademais, o seu impacto visual encarna unha denuncia directa que invita á meditación e á acción. E este símbolo transcende fronteiras como un impactante xeito de visibilización deste tipo de execrables condutas.
A modo de exemplos, podemos falar do Memorial Zapatos á beira do Danubio (Budapest, 2005) onde sesenta pares, en ferro, lembran os miles de homes, mulleres e nenos fusilados na súa orela polos milicianos fascistas húngaros a finais da Segunda Guerra Mundial. Ou a morea de zapatos que, a modo de reflexión histórica, se conserva no museo que, en Auschwitz, se consagrou ao exterminio xudeu. Ou tamén o que, triste e obrigadamente, haberá que erguerlles en Gaza aos milleiros de gazatís masacrad@s por quen un día padeceu en propias carnes a chamada «solución final». Ver para crer!
E, xa en liña menos tráxica pero o mesmo de crítica, a obra da lalinense Celeste Garrido, titulada Tortura femenina (2024) e exposta con éxito mesmo en Nova York, recrea un orixinal zapato vermello con tacón de espiñas que avoga por que deixemos de preocuparnos por agradar tanto os demais e nos ocupemos en gustarnos máis a nós mesmas: Ai, a mirada do outro, do que dirán!
O feminismo, ao adoptar os zapatos vermellos como emblema de resistencia e memoria e colocalos en prazas públicas, rúas e exposicións artísticas xera un espazo de protesta e dó colectivo que busca transformar a indignación en cambios estruturais e políticas públicas eficientes contra a violencia de xénero.
En fin, que os zapatos vermellos simbolizan tanto a traxedia do feminicidio como a loita incansable contra o machismo, entre outras violencias. Son unha chamada á conciencia social e unha esixencia de xustiza ao representaren o compromiso dun mundo no que as mulleres poidan vivir libres de brutalidades. E seren donas de si mesmas, formal e efectivamente.