O zoco que veu de América

XULIO gutiérrez

BARBANZA

CEDIDA

A «Crepidula fornicata» habita as nosas costas dende hai 50 anos

03 mar 2025 . Actualizado a las 10:55 h.

Desde hai uns 50 anos, as nosas praias contan cun novo habitante: a Crepidula fornicata, un pequeno molusco orixinario da costa leste do continente americano. Parece que chegou a Europa adherida ás ostras importadas dos Estados Unidos ou na auga das sentinas dos barcos. Hoxe é moi común nas rías porque aquí atopou un hábitat ideal, rico en nutrientes e libre de depredadores.

Aínda non ten un nome popular galego. Noutros países chámanlle zapatilla, zoco ou pantufla porque recorda algo a estes tipos de calzado. O nome latino fai referencia ao seu aspecto arqueado (fornix en latín é arco ou bóveda). En todo caso, pronto será tan abundante que teremos que buscarlle un nome axeitado.

Este pequeno molusco desfruta dunha vida sexual abraiante. Cando eclosionan, saen do ovo como larvas diminutas rodeadas de peliños que lles permiten nadar e capturar alimento. As larvas transfórmanse varias veces ata que atopan un bo lugar onde adherirse. Neste momento fabrican unhas gotas de algo semellante ao cemento e péganse ao soporte no que vivirán o resto da súa vida. Moitas elixen adherirse a vieiras, ostras, zamburiñas e outros moluscos que viven nos fondos mariños, especialmente nos lugares máis ricos en alimento. É curioso que, nesta etapa, todas as crepídulas son machos.

Con frecuencia, varias crepídulas elixen o mesmo lugar para vivir e, incluso, péganse unhas sobre outras formando verdadeiras «torres» de moluscos. E aquí acontece o milagre: as crepídulas da parte inferior transfórmanse en femias e aparéanse cos machos que teñen sobre elas. Co paso do tempo, os individuos da zona baixa van morrendo e o proceso vaise repetindo cara arriba. En bioloxía este tipo de organismos reciben o nome de hermafroditas secuenciais.

A natureza é tan diversa que case nunca se axusta ao estereotipo binario tan propio dos mamíferos. Hai especies, como o peixe pallaso, que viven en comunidades xerarquizadas constituídas por unha femia, dominante e varios machos. Cando morre a femia, o macho máis grande e agresivo transfórmase en femia e ocupa o seu lugar. E podemos atopar moitos exemplos máis de animais con características sexuais curiosas. Algunhas bolboretas e aves teñen a metade dereita do corpo dun sexo e a metade esquerda do sexo contrario. Son espectaculares porque teñen unha ala da cor propia dos machos e a outra da cor das femias.

Hai miles de especies que poden cambiar de sexo ou ser macho e femia ao mesmo tempo. O caso máis extremo é o de certos microorganismos nos que hai individuos de tres, catro ou máis sexos. Os límites entre o masculino e o feminino son moi difusos no reino animal.

Pero volvendo ao noso caso; hai que mencionar que a proliferación de crepídula está a causar danos importantes nalgunhas zonas de marisqueo porque compite con éxito contra especies autóctonas de gran valor comercial como a ameixa, o berberecho e a navalla. Por isto foi incluída no Catálogo de Especies Exóticas Invasoras e, como consecuencia, non pode ser comercializada a pesar de ser considerada un verdadeiro manxar nos mercados asiáticos. Non sería mellor aceptalas coma un novo recurso culinario que consideralas un problema ecolóxico?.

Cunchas de crepídulas que se poden atopar nas prais barbancesas