Arieiro

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

17 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O pico Arieiro é o segundo monte máis alto da illa de Madeira, con 1.810 metros, tres veces máis que o monte da Curota. Case media hora de subida en automóbil entre fragas, toxeiras e xesteiras, moi parecido á paisaxe galega. Cando chegas ao cume hai un restaurante con aseos e balcón, como o pobrense, e miles de persoas o visitan polas caralludas vistas que ten, como o galego. As diferenzas xorden como consecuencia do turismo de masas e por utilizar o aseo tes que pagar un euro por persoa, pero antes tes que deixar pago o aparcadoiro, a razón de catro euros por hora, se encontras lugar. Do contrario, tes que baixar un quilómetro e deixar o coche noutro espazo máis abaixo e subir camiñando.

No Mont Saint Michel (Bretaña) tes que deixar o coche a dous quilómetros e acceder camiñando ou nunha lanzadeira, e dende o monumento non se ven os coches, camuflados de vexetación. Un exemplo claro de como protexer unha paisaxe sen renunciar ao acceso. Aquí podes chegar no coche ata o propio cume, aparcalo libremente e desfrutar das vistas. Tamén no faro de Fisterra, onde hai atascos de coches polo estreito ancho da estrada, sen que ninguén poña orde.

Non sei se por respecto aos lugares e á paisaxe, por tranquilidade peonil, ou por selección económica dos visitantes, pero canto máis presión turística teñamos, menos liberdade para visitar estes icónicos lugares. A comodidade mal entendida e a falta de planificación fan que a experiencia se degrade. Ou actuamos agora, ou acabaremos por converter os nosos espazos naturais en parques temáticos onde só importa o beneficio inmediato.