O turismo mariñeiro medra en Porto do Son

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Cedida

Preto de trinta persoas recibiron os diplomas pola súa participación nos cursos do GALP Costa Sostible

26 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Un total de 29 persoas recibiron en Porto do Son os diplomas dos novos cursos programados polo GALP Costa Sostible, que fan que siga medrando o programa do turismo mariñeiro. En concreto, o de Iniciación a pescaturismo, sostibilidade e boas prácticas contou con 19 participantes. Ao de Iniciación ao turismo mariñeiro acudiron dez redeiras.

 No acto, que tivo lugar na confraría sonense, estivo presente a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez, quen destacou que «este é un momento de celebración que supón un fito a nivel persoal e colectivo». Afirmou que os diplomas son máis que un certificado de capacitación, «son un símbolo do compromiso de todos coa nosa costa».

Tamén interviñeron Isaac Gaciño, secretario do GALP, quen asegurou que «este proxecto de turismo mariñeiro engrandece a nosa pesca e ao noso pobo». O patrón maior sonense, Emilio Queiruga, animou aos armadores a sumarse ao turismo mariñeiro «como complemento económico». Pola súa banda, Manuela Oviedo, xerente do GALP, fixo fincapé en que as portas da entidade están abertas a quen decida embarcarse no proxecto.

Antes da entrega de diplomas o alcalde, Luis Oujo, puxo en valor a importancia destes proxectos, indicando que pesca e turismo son os piares económicos do municipio e que poden converterse en complementarios. Dixo que a formación é una oportunidade de promoción do produto.