A maior traca para a Purísima

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA

LOUSAME

Imagen de la procesión de este martes en San Roquiño.
Imagen de la procesión de este martes en San Roquiño. CEDIDA

A procesión do martes tivo como colofón a tirada de bombas de palenque

01 oct 2025 . Actualizado a las 09:53 h.

Di o presidente da comisión de festas da aldea de Pousada que non teñen rival á hora de contratar as mellores orquestras para o San Roquiño, nesa rivalidade particular que manteñen na parroquia de Tállara. Pode haber quen discrepe, pero unha cousa parece segura, a maior traca de bombas de palenque das celebracións desta parroquia de Lousame é para a Purísima Concepción.

Á Virxe estivo dedicada a xornada deste martes no San Roquiño de Tállara. Como é tradición, trala misa das 13.00 saíu a procesión dende a capela e despois de dar a volta ao cruceiro volveu sobre os seus pasos. Porén, en lugar de entrar de novo no templo, a Purísima Concepción quedou fóra para presenciar as tres tracas que retumbaron en San Roquiño na súa honra.

«Son relixioso, vénme de miña nai, e sempre me gusta deixar a virxe fóra para a tirada de bombas de palenque, tres tracas potentes, iso á xente gústalle», explicaba Antonio Piñeiro, presidente da comisión encargada do martes das festas.

Houbo ademais novidades nesta procesión, xa que o coro cantou por primeira vez na honra da Virxe a Salve rociera.

Trala celebración relixiosa, comezou a festa cunha sesión vermú a cargo da orquestra D´Noche que estivo moi animada grazas ao resplandecente sol que acompañou a xornada. Por alí andaban tamén coa súa música os integrantes da charanga Os Celtas, chegados dende A Baña, e os gaiteiros de O Son do Pote completaron o cartel da programación matutina.

 O escenario máis grande de Europa encheu o campo da festa de Tállara

A competencia nas festas do San Roquiño é dura e hai que empregarse a fondo para gañar a particular competición que teñen entre elas as distintas aldeas. Por iso, os de Pousada apostaron por traer á orquestra Kubo, que ten, segundo din, o escenario máis grande de Europa. Tanto é así, que a montaxe tivo que medirse ao milímetro para encaixar o escenario no campo da festa.

Kubo e D´Noche eran as orquestras contratadas para a verbena que estaba prevista para a noite, una forte aposta da comisión, como contaba Piñeiro: «Non quero ser fanfarrón, pero non teño rivais, as demais comisións quedan cortas en bombas e orquestras». Pese a la rivalidade, todos son ben levados: «É unha competencia leal, eu pico ó resto un pouco para que me fagan algo de competencia».