Antonio Romero Ortiz, o Gran Mestre da Masonería do Barbanza (II)

XOSÉ MARÍA FERNÁNDEZ PAZOS

RIBEIRA

ARCHIVO XOSÉ MARÍA FERNÁNDEZ PAZOS

Impulsou a construción da igrexia parroquial de Santa Uxía de Ribeira

16 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Fillo dunha palmeirá e un santiagués, Romero Ortiz foi durante moitos anos deputado en Cortes polo distrito de Noia, ata en catro ocasións, polo que a súa influencia na vida política da comarca foi moi destacada, especialmente nos concellos de Ribeira e Noia. Incluso en 1863, a corporación municipal ribeirense, presidida polo alcalde José Manuel González, acorda encargar un retrato de Romero Ortiz para poñelo no salón de sesións ao lado de «Su Magestad la Reina». O ribeirense sería ministro de Gracia e Xustiza, e anos mais tarde ministro de Ultramar.

Benfeitor de Ribeira, canalizou axudas para a nova igrexa de Santa Uxía á que dota de 40.000 reais de vellón, uns 14.000 duros da época, e preside a primeira misa, o domingo 20 de novembro de 1864, celebrada polo párroco Domingo Antonio de Pazo. Unha borrosa inscrición no lintel da fachada do templo de Santa Uxía lembra aínda hoxe a axuda prestada por Romero Ortiz desde o Goberno da Nación. Conseguiu tamén un cáliz de prata para a igrexa, doazón das que facía a raíña Isabel cada véspera de Reis e que hoxe está no museo parroquial de Santa Uxía de Ribeira e se utiliza en festas destacadas.

Colaborou en outras obras, como a do porto, aprobado por Real Orde de 4 de xaneiro do 1864, e executado entre 1864-1866, sendo Romero Ortiz subsecretario do Ministerio de Gracia e Xustiza. En agradecemento, o Concello de Ribeira poñería o seu nome á rúa que unía o porto onde estaba a primitiva casa consistorial (actualmente ocupada pola Farmacia Malecón e A Cuba), coa praza Nova hoxe praza de Compostela, e que popularmente é coñecida como a estrada de Martín.

Romero Ortiz é artífice tamén da estrada que une a localidade ribeirense con Padrón e que se construiría en 1865 por iniciativa súa e que substituíu o chamado Camiño Real que discorría en Ribeira pola costa.

Espirito contraditorio

Entre as contradicións do espírito romántico de Antonio Romero Ortiz aparece a súa vinculación como Gran Mestre da Masonería, onde chegaría a acadar o grao 33, e ter o grado de Soberano Gran Comendador do Supremo Consello entre 1882 e 1884, o máis alto do rito escocés que é o máis practicado a nivel universal dentro da francmasonería.

A súa merecida fama de anticlerical valeulle o alcume de Lutero Ortiz, e a de contraditorio, por outra parte, que accedera o final da súa vida a recibir os sacramentos e a bendición apostólica e se convertese ao catolicismo á hora da súa morte, reflexo da influencia cristián dos seus pais.

Morreu o 18 de xaneiro de 1884 e a comitiva do enterro estivo integrada por cerca de mil persoas, entre as que ían os políticos e os literatos máis importantes da época. Os seus restos serían soterrados na Sacramental de San Lorenzo y San José e, posteriormente, serían trasladados á capela do colexio La Milagrosa, na parroquia ribeirense de San Martiño de Oleiros. Este centro educativo foi fundado por Josefa Sobrido Romero, sobriña de Antonio Romero Ortiz. Na capela do centro están a tumba do propio político e o da fundadora así como doutros familiares.

Museo Romero Ortiz

Pouca xente coñece a existencia do museo Romero Ortiz. Grande afeccionado a coleccionar documentos, datos e obxectos, funda en 1868 o museo en Madrid na súa propia casa: constaba dunha colección de numismática, retratos dos xerais da Compañía de Xesús, porcelanas, orfebrería, unha biblioteca e recordos históricos. Á súa morte, o museo trasládase inicialmente á A Coruña e, posteriormente en 1922, é levado ao Alcázar de Toledo pola grande cantidade de obxectos militares. Durante a Guerra Civil, esta zona do museo foi a máis castigada e parte do mesmo perdeuse e o que quedou pasou ao Museo do Exército, quedando instalado no salón de reinos do Palacio del Buen Retiro, para regresar ao Alcázar de Toledo onde ocupa unha sala.

Para darnos unha idea do volume do material exposto no museo basta facer referencia a 500 pezas de armas das idades de pedra, bronce, ferro e época romana, así como do século XV a XIX e armas brancas e de fogo de destacados persoeiros da historia de Europa, Asia, América e Oceanía. Indumentarias, material relixioso e material de arte con mais de 2.200 pezas e medallas con 1.300 unidades. Tamén conta o museo con 1.286 curiosidades de historia natural e albumes e documentos, caricaturas, fotografías, etc.