José Carlos Vidal: «A seguridade está moi ben traballada e non hai moito que tocar»

RIBEIRA

O alcalde pobrense, José Carlos Vidal, nos xardíns Valle Inclán.
O alcalde pobrense, José Carlos Vidal, nos xardíns Valle Inclán. CARMELA QUEIJEIRO

O rexedor vaticina que a multitudinaria procesión «vai gañar solemnidade» ao incorporarse a banda da Escola Naval Militar

20 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A terceira fin de semana de setembro A Pobra celébrase o Nazareno, unhas festas cun marcado carácter relixioso debido á súa peculiar procesión das Mortallas, que cada ano atrae a miles de persoas á vila. Para José Carlos Vidal (Ribeira, 1957) estas festas que poñen punto e final ao verán son moi especiais e anima a veciños e turistas a gozar delas.

—Este ano o Nazareno cadra bastante tarde no calendario. Que previsións manexa o Concello?

—Efectivamente, cadra un pouquiño tarde, pero as previsións van sempre na mesma dinámica. É difícil saber con antelación o tempo que vai facer, pero a perspectiva parece bastante boa. O máis preocupante sempre é o tema da seguridade, pero xa tivemos a xunta, que facemos sempre ex profeso para a procesión dada a gran cantidade de xente que vén.

—Como é o despregue de seguridade?

—O tema da seguridade no Nazareno está moi ben traballado. A verdade é que estou encantado en como se implican os diferentes equipos. Os efectivos que se van despregar son 16 policías municipais, 35 membros de Protección Civil, catro patrullas da Garda Civil uniformadas ademais de axentes de paisano, Garda Civil de Tráfico e probablemente tamén se faga algo coa Policía Nacional para controlar o consumo de bebidas alcohólicas pola poboación menor. Vai haber cinco medios sanitarios repartidos pola procesión e vaise montar un posto de mando avanzado na praza Segundo Durán.

—O dispositivo de seguridade incorpora melloras en relación a outros anos?

—Levamos moitos anos facendo estas reunións. A seguridade está perfectamente cuberta e moi traballada, tampouco hai moitas cousas que tocar.

—Porque está a funcionar de forma axeitada.

—Si. Sempre se establece máis ou menos o mesmo, con pequenos cambios, como por exemplo este ano, en canto aos aparcamentos.

—Cales son as novidades neste eido?

—Os lugares son máis ou menos os mesmos, pero hai moi boa disposición de Portos para que os autobuses poidan aparcar no peirao novo. Se non hai barcos, a idea é que se abra a barreira e poidan estacionar nesa zona. En canto aos coches, están os aparcamentos de Bandaseca e a contorna. Temos o noso entre Os Areos e Venecia e o párking do Gadis, empresa á que estamos moi agradecidos. No Campo da Feira tamén imos a ter aparcamento, ao igual que na entrada de San Lázaro. O domingo vaise cortar a circulación no centro a partir das 9.00 para dar preferencia aos peóns e o tráfico vaise desviar por beiramar.

—Recorda algunha vez que a procesión non saíra debido á chuvia?

—Non sei se houbo algún ano no que o tempo evitara a saída da procesión, pero eu persoalmente non o recordo. O tempo sempre acaba respectando ao Nazareno.

—En canto á programación, cal é o papel do Concello e da comisión de festas?

—Xestionamos nós todo salvo o domingo, do que se encarga a comisión de festas. Este ano fixemos un importante esforzo. A programación é boísima. Temos grupos como América, Panorama ou Combo Dominicano, que moven a moitísima xente. Tamén temos bandas importantes como as de Forcarei ou Meaño, e grupos bos de aquí. Ateneo Musical dará un concerto no xardín. Tamén é destacable, xa na procesión, a incorporación da banda da Escola Naval Militar, que creo que unicamente sae a Tui. Era unha solicitude complicada pero conseguímola. Tamén vai vir o coronel do Terzo Norte e a figura do Nazareno vai estar custodiada por seis escoltas da Escola Naval Militar. Creo que a procesión vai gañar solemnidade con este tipo de incorporacións.

A

Vidal confía en que o tempo acompañe nestas festas. FOTo CARMELA QUEIJEIRO