Olaia Sendón: «É fundamental xerar raíces»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

A viva voz | Autora de «A crebeira Marabillas», achega este universo e a memoria de Barrera aos nenos. Do audiovisual, coa maternidade por medio, pasou á ilustración e a ser contadora de historias 

14 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Contribuír a ser dun espazo é unha conxunción de palabras que deixou marca en Olaia Sendón (1978). «Penso que é fundamental enraizarse, e por iso tamén quería contarlle aos meus nenos, xerar raíces. A Costa da Morte é moi potente para iso, cunha paisaxe que case se explica por sí soa. Eu quería darlle vida a eses espazos», reflexiona. Olaia publicou a finais do 2021 A crebeira Marabillas (Xerais), un libro ilustrado que non concibiu para ser tal, pero que o acabou sendo.

«Andar ás crebas [procurar entre o que mar bota fóra] é algo que todos os de costa temos feito, ir mirando para o chan a ver que aparece», apunta. Seu pai, Manuel Sendón, mantén unha serie fotográfica sobre a materia. É unha afección compartida. Pero o significado que hoxe se lle dá a andar ás crebas pouco ten que ver coas motivacións de antano: «Levo tempo preguntando por cousas do pasado e as crebas de antes mesmo se vía como algo de vergoña, respondían a outra necesidade, e logo tamén está esa lenda negra que non é como se conta, pero na que hai parte de certo». Olaia, cun pequeno de tres anos, Aldán, e outro de cinco, Xandre, quixo trasladarlles, por exemplo, vivencias asociadas á praia fisterrá de Sardiñeiro, e aí sitúa ao emblemático crebeiro Manolo Barrera, presente na memoria da mocidade do seu tempo, e inspiración da obra publicada. Barrera afogaba sen o mar, conta Olaia: asociaba ser crebeiro a un sentimento, e ela non quixo deixar no esquecemento todo iso.

Profesora na Escola de Imaxe e Son da Coruña, movíase ata hai cousa dun tempo no audiovisual, nos documentais. A maternidade que todo o revoluciona, a esixencia dunha infraestrutura complexa que require o gravar, máis adiante o tempo de peche ligado á pandemia e, sobre todo, ese desexo de contarlles aos seus nenos, acabouna levando a debuxar e narrar: «Foi unha moi boa saída, unha válvula de escape para poder expresarme». «Fas cousas por instinto, eu estaba acostumada a contar doutro xeito, pero adaptei esas mesmas motivacións a eles, a un público diferente», expresa. Primeiro tíñao como algo «caseiro», que mesmo resumía cara fóra como «non estar facendo nada», mais foi cando comezou a «darlle prestixio», «a empezar a vivilo con ollos de creación», cando se decatou de que si facía algo, e que non era menos ca o que viña facendo e do que as circunstancias a arredaron: «Deime de conta de que estaba xerando universos, e que importante que foron os libros que lemos cando eramos nenos!», reflexiona.

ANGEL MANSO

Así foi que, tendo xa a experiencia daquela autoedición para explicarlle ao seu fillo maior que chegaría un irmán (obra titulada Xián é terrible), chegou á porta de Xerais coa historia da crebeira Marabillas e con outras creacións máis, pois entende que ben podería ser unha colección en torno a mulleres do rural, empoderadas, con profesións ou afeccións particulares. A próxima, unha fotógrafa. Aí andan, pois, propostas que poida que vexan a luz en breve.

Unha palabra descoñecida

Sendón di que, na Costa da Morte, «todo o mundo sabe o que é andar ás crebas». Iso mesmo que no sur de Galicia denominan bichicomas (crebeiros, na costa irlandesa, son beachcombers). Pero ese coñecemento non é total, así que ela quixo achegar ese universo con Marabillas. Teñen visto na súa obra unha mensaxe medioambiental, de conciencia na limpeza das praias, algo que para ela entrou na súa creación de xeito «transversal» á historia que quería contar, a esa memoria de Barrera. Case sen ser consciente. Evidentemente, compárteo. «O pasado garda cousas que non hai que reproducir, pero hai nel outras partes dignas de traballar e de pensar, como ese aproveitamento de recursos», indica.

A crebeira Marabillas ten tamén unha versión a modo de espectáculo teatral e musical que sosteñen Sendón e a artista Silvia Penide. Téñeno levado a diversos puntos, entre eles A Coruña ou Sardiñeiro, con moi boa acollida pese ás circunstancias excepcionais do covid. Adaptado á nova realidade, está pensado para interactuar coas crebas, e dispoñible para ser levado alí a onde o demanden: «Os nenos, deste xeito, teñen outra empatía coa historia. A súa inmersión é total, dun xeito moi visceral», indica Olaia.

Ana Garcia

Veciña da Coruña dende hai anos e nacida en Ourense por circunstancias do momento, Olaia é filla de nai viguesa e pai de Sardiñeiro. Moraron diversos espazos, «pero se me preguntan de onde son, digo que da Costa da Morte, porque ese é o único sitio que permanece constante». A esa casiña de Sardiñeiro ían sempre que podían: fins de semana, tempo de lecer...: «E un neno, en realidade, vive nas vacacións, unha experiencia detrás doutra». Xa sendo adulta, coas súas preguntas, proxectos, investigacións e traballos, o seu foi aínda máis implicación persoal coa Costa da Morte: «Radiquei aí o meu universo». É por iso que fala de «xerar raíces». E aí, nese sustento vital, están as crebas e está Barrera, agora cunha nova pel que move universos infantís: Marabillas.