Víctor Fábregas: «Gozaba de subir á Costa da Morte e ter toda a salvaxe natureza para min só»

Antón Lestón Lago
Antón lestón CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Fábregas, á dereita, na carreira de Baio da semana pasada, con Jorge Mira
Fábregas, á dereita, na carreira de Baio da semana pasada, con Jorge Mira basilio bello

Natural de Esteiro, o seu primeiro percorrido pola bisbarra foi grazas ao fútbol da Costa

07 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que compara os límites da Costa da Morte cos marcos que sinalan as leiras do territorio, porque «van segundo lle interesa a xente», Víctor Fábregas (Esteiro, 1971) admite que a súa casa non pertence á bisbarra que aglutina as terras de Fisterra, Soneira e Bergantiños. Non obstante, si garda unha relación de irmandade, pois a proximidade xeográfica non podía xustificar o contrario.

—Como foi a súa infancia en Esteiro?

—Diría que normal. A miña familia paterna era de alí e a materna de Outes, e eu era un neno máis que dende ben pronto comprendín que me tiraban moito os deportes, pois no colexio por sorte había unha gran oferta e case era un privilexio conseguir entrar nalgúns dos equipos.

—Foi un privilexiado?

—Si, porque o atletismo, aínda que pareza mentira, era o deporte rei. Pero nunha carreira que se facía ao inicio de curso fun dos primeiros da miña categoría e o director seleccionoume para o equipo. A min encantábame correr, pero era unha época na que aínda se limitaba moito ao ámbito escolar e a xente non estaba habituada a verche correr polas rúas, así que eu adestraba de noite porque era competitivo e quería mellorar.

—Foi o comezo da súas rutas pola Costa da Morte?

—Si, aínda que naquela época non había moitas probas. Por mera proximidade eu xa coñecía un pouco a zona. Pero recordo carreiras en Zas, Carballo, Cee e, por suposto, a de Baio, na que vencín a Jorge [Mira]. Non obstante, máis que o atletismo, o que de verdade me fixo percorrer toda a bisbarra foi xogar no fútbol da Costa, que tamén é unha boa forma de collerlle cariño aos lugares, porque o ambiente era incrible, e iso que as entradas xa valían o equivalente aos 3 euros.

—Que lugares recorda visitar grazas á pelota?

—Uf, moitísimos. Tanto xogando no Negreira como na Esteirana. Recordo morrer de frío no campo do Zas, no que tiñamos que tomar carajillos para quentar o corpo. Ou en Laxe, que non había auga e limpámonos na praia. En Fisterra, aquel corredoiro para saír ao campo, que parecíamos gladiadores por como se sentía a xente... En fin moitos recordos, tamén en Cee ou en Nantón, que era un campazo de herba natural. 

—E máis alá do deporte, como gozou da Costa da Morte na xuventude?

—Agora é difícil imaxinalo porque melloraron as vías de comunicación e todo o mundo dispón dalgún medio para desprazarse dun lugar ao outro. Pero hai vinte ou máis anos, gozaba moito subir para a zona de Fisterra e ter toda a salvaxe natureza para ti só. Era un auténtico pracer, sobre todo cando non era verán. Recordo estar no faro de Fisterra entre semana ou no faro de Vilán e no Cemiterio dos Ingleses con todas esas fermosas paisaxes para min e que xa rendían a viaxe. Aínda que tamén aproveitaba para relaxarme, pensar nas miñas cousas...

—Non ía con roupa de baño?

—Non, nunca fun de praia, e iso que son de Esteiro, pero xa sabes que en casa de ferreiro, coitelo de pau (ri). A min as praias gustábanme para correr, que agora é camiñar, e para reflexionar, pero nunca me atraeron os lugares con grandes aglomeracións e, dun tempo para aquí, todo este litoral está cheo de xente nos meses de verán.

—Nin para un chapuzón?

—Eu sei que a vida comezou na auga, pero eu son un animal terrestre que só a usa con moito respecto, para asearme e pouco máis. E dende que descubrín que a auga pode estar quente, a fría só a quero para beber, como moito. Así que a do mar só a quero para mollar os pés e para que se críe o bo marisco e bo peixe que temos por aquí.

XOAN A. SOLER

—Tamén gozamos de bos artistas, vostede entre eles. Como lle dou por ese camiño?

—Porque en Esteiro e arredores hai unha gran tradición de teatro. A min pronto me gustou e, aínda que o deixei durante a carreira, logo tiven a oportunidade de ser un dos dezaoito privilexiados que estudasen un posgrao de arte dramático en Madrid. Tiven diferentes posibilidades, pero aquilo non era para min, eu quería volver á terriña.

—E iso que no seu sector, imaxino que é importante a localización

—Para min non. Eu a ambición que teño é de poder vivir do meu, non de que me coñezan ata en Almería. Se podo vivir aquí xenial, porque por riba de todo está o benestar e a calidade de vida, e para iso poucos lugares como a nosa esquina.

—Volveu e fíxoo cargado de éxito. Visitou a Costa da Morte co show dos Tonechos?

—Case nada, e é unha das espiñas que teño, porque mira que percorremos toda Galicia dun lado a outro. As comisións incluso nos contrataban para facerlle fronte á Panorama e á París de Noia se estaban no pobo do lado. Así tirando de memoria, recordo actuar en Dumbría e en Xaviña, en Camariñas, con moita xente en ambos lugares. Tamén gravamos un programa especial nunha praia con dunas de Ponteceso, pero non sei o nome. A verdade é que foi unha mágoa non traballar máis preto da casa durante eses anos.

Fábregas e Roberto Vilar, Os Tonechos
Fábregas e Roberto Vilar, Os Tonechos PACO RODRÍGUEZ

Máis a fondo

-Canto hai que non come sardiñas con cachelos? Menos dunha semana, na casa dos meus pais. Sempre que vou, se as hai, perfecto.

-Onde está o Cemiterio dos Ingleses? No entorno do Cabo Vilán, de obrigada visita para todos e todas.

-O único lugar da Europa continental no que un río desemboca en cascada? Na Fervenza do Ézaro.

-Percebe de Corme ou longueirón de Fisterra? Aí mátasme. Se poden ser os dous, perfecto, e se non hai carto para tanto, ponme metade e metade (ri).

-Dígame uns versos de Pondal. Así de primeiras, os do himno, claro. «Que din os rumorosos na costa verdescente, ao raio transparente do prácido luar?».

-Bañouse na Praia dos Cristais? O de bañarme xa che digo que o levo moi mal, pero si que estiven. 

-A catedral do megalitismo? Supoño que se refire aos dolmens e imaxino que a catedral será Dombate, que tamén visitei. E ademais, aínda que non é un megalitismo feito coas mans humanas, aí temos tamén o Monte Pindo, con tanta maxia e forza. Hai que subilo unha vez na vida polo menos.

-O mellor solpor? Vou dicir dous. No faro de Fisterra recordo un brutal, que ademais cadrou que o tiñamos que gravar e quedou moi ben. E o outro estando totalmente só na Praia de Carnota, máis preto da casa, co xigante sol caendo sobre o mar. Un espectáculo.