Cemiterios, tumbas e curiosidades da Costa da Morte 

xosé gándara arxomil

CARBALLO

XOAN A. SOLER

EN PRIMEIRA PERSOA | Escribe Xosé Gándara Arxomil | A idea de coñecer por min e logo dar a coñecer o patrimonio funerario foi medrando...

30 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Pídenme na Voz de Galicia unhas palabras explicando os motivos que me levaron a publicar o libro que titulei Cemiterios egrexios e tumbas de poetas editado por Teófilo Edicións. Estas datas outonais, tan meláncolicas, arredor do Día de Defuntos, nas que as familias levan flores aos cemiterios, préstanse a que estes recaben a nosa atención. Unha das razóns pola que escollín este tema foi para dar a coñecer e poñer en valor o noso patrimonio funerario, porque está ou ben moi esquecido ou ben moi ignorado.

O detonante que orixinou este libro, foi, hai anos, unha visita que fixemos ao cemiterio de cores en Dumbría, a onde nos levou un amigo. Alí atopamos un cemiterio cheo de colorido que fai honor ao lugar onde está ubicado: Cores. É funcional, racional, pero, sobre todo, moi colorista. Foi deseñado por unha arquitecta e as cores lembran os cadros do pintor holandés Mondrian. A maiores, o cemiterio está ocupado. Quero dicir que foi aceptado gratamente polas xentes de Dumbría e é xa o seu cemiterio. A partir desta visita a idea de coñecer por min e logo de dar a coñecer e poñer en valor o noso patrimonio funerario foi medrando e collendo corpo pouco a pouco.

JOSE MANUEL CASAL

Da Costa da Morte tamén cito neste libro o Cemiterio dos Ingleses en Camariñas. Está enclavado no litoral entre o faro Vilán e Santa Mariña na Enseada do Trece. A construción é moi sinxela: uns muros baixos de pedra que contrastan coa grandiosidade do escenario: unha costa salvaxe e un mar bravo. Ese monumento aí, estalle a dicir ao visitante, que se recolla, que lembre e que respete. Tampouco podía faltar o malogrado cemiterio de Fisterra de César Portela. Un cemiterio que no seu proxecto comparaba cunha palmeira medrando desafiante no deserto ou coa vela dun barquiño que vai cabotando na inmensidade do océano. O estrago que alí se vía recordoume a metáfora da «ventá rota» que utilizan os economistas. A destrución non é beneficio para ninguén...

O cambio en Dombate

Cerramos o reconto co Dolmen de Dombate que está na aldea de Borneiro, concello de Cabana. De mozote teño ido no verán con varios amigos ata Laxe en bicicleta. Sempre faciamos unha paradiña no Dolmen de Dombate. E sempre atopabamos o mesmo espectáculo: alí o que había era desidia; o dolmen de Dombate era un excusado. Hoxe, deixando atrás o debate que se orixinou cando se levantou a construción que o protexe, o dolmen de Dombate é un monumento admirable polo contido e polo continente. Ten unha cúpula airosa, elegante que irradia unha atmosfera lene, de recollemento. Cómpre lembrar que o monumento é un cemiterio con dúas tumbas. Volvín hai pouco, a estar alí. Volvín sentir a mesma euforia que sentira pola primeira vez coas obras de recubrimento rematadas. Síntome orgulloso por ver tan ben coidado o que antes fora pasto do abandono.

XOÁN A. SOLER

A respecto das tumbas de poetas na Costa da Morte hai pouco que contar: Pondal, o máis importante, o bardo que cincelou coa súa varuda poesía estas terras, ten a súa tumba na Coruña.

Ao meu libro tamén traio curiosos epitafios. No cemiterio a carón da igrexa de Nande en Traba de Laxe, hai dúas lápidas con requintadas verbas de resonancias bíblicas en galego. Reflíctese aí o amor dun fillo polos seus pais. O cura de Nande, un galeguista natural de A Estrada, incumprindo as normas da ditadura, deixou en galego unha laudatoria exultante nas súas lápidas.

O epitafio máis fermoso

Non me resisto a facerlle unha mención ao epitafio que, de seguido, vou comentar. Cando a pandemia comezou a afrouxar fomos facer sendeirismo á provincia de Ourense. O lugar de partida foi un pobiño chamado Pazos de Arenteiro, inzado de casonas pétreas. Saímos rumbo ao concello de Boborás. Pasamos por diante do Pazo da Almuzara, dun dos grandes caciques que deu Galicia, pero tamén por diante da casa onde naceu Chamoso Lamas, un dos grandes estudosos dos nosos monumentos e cemiterios. Polo camiño tamén contemplamos eidos e máis eidos, cos seus socalcos, ocupados hoxe por carballiza, pero que en tempos foron dedicados a viñedo que nos mostran os estragos que provocou a filoxera. Pois ben, nun pequeno cemiterio a carón da igrexa de San Martiño de Cameixa, nun nicho vense os trazos incisos dun albanel levantando unha parede de ladrillos e debaixo o seu epitafio: Eu non quería estar aquí. 

TEÓFILO EDICIÓNS

Estamos obrigados a que a vida non se nos vaia das mans, a non estragala. Probablemente ese home disfrutou tanto do «gozo de vivir» que quixo esquecer que tiña data de caducidade.  O epitafio máis fermoso, non está en ningún cemiterio. Está nun libro de Mark Twain. Chegou a min por unha representación teatral: El Diario de Adán y Eva, unha comedia baseada na obra homónima do escritor americano. Cando ao final desa obra chea de humor, sarcasmo, tenrura, un retrato cabal da natureza humana, morre Eva, Adán está obrigado a poñer na súa tumba o epitafio máis conmovedor que exprese a súa adoración, e vaites que o conseguiu:

Onde queira que ela estivese alí estaba o paraíso.

DNI. Xosé Gándara Arxomil. Natural de Vimianzo, licenciado en Historia, nacido o 7 de xaneiro do ano 1950, o mesmo día que morreu Castelao. Catedrático de Lingua Galega no instituto Eduardo Pondal de Santiago. Afeccionado ao xadrez, ten promovido este deporte tamén entre o alumnado, con diversas iniciativas. Gándara Arxomil é autor, tamén, de libros de texto en idioma galego.