Turismo

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Visitantes en Fisterra
Visitantes en Fisterra BASILIO BELLO

12 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Como se di moitas veces, isto de cumprir anos é unha sorte por poder vivir e contalo. E tamén un fastidio para algunhas facultades físicas, pero así foi sempre a vida. Polo menos facerse vello aporta o coñecemento da memoria e o saber da experiencia. Pode aplicarse a moitos campos, dende os múltiples persoais ata os de calquera aspecto do entorno. Deses moitos, ciñámonos a un só do que nos rodea: o turismo.

Non é un tema menor, porque del viven, nesta comarca, miles de persoas. É unha evidencia aplastante, pero ás veces parece que hai que lembralo: non só o que ten o hotel, o apartamento turístico, a pensión, a casa de turismo rural ou casualmente un parador en Muxía. Tamén os empregados e os que aportan todo o que se precisa cada día, dende a bebida á carne, do pescado ao pan, da limpeza ao mantemento. Miles de persoas nunha zona na que, lamentablemente, a industria non é o que debería de ser, e cando xorden proxectos industriais inmediatamente aparece esa xente con moito tempo libre e un blog para dicir que non a todo como norma de vida.

Se esa xente tivese capacidade de influír hai anos, aquí non tería habido nin granxas, nin piscifactorías, nin Meirama, nin Ferroatlántica, nin Recheo de Cee, nin centrais, nin canteiras, nin nada de nada. Aire. E como non é, o turismo está xerando moito emprego. Mellorable? Claro. Seguro. Pero tamén mellora en capacidade de atención, en ampliación de aperturas, en recoñecementos, en soles e en estrelas. E hai 25-30 anos non había case nada disto, ou non o lembramos? Catro cousas, si: os pioneiros. Os peregrinos a Fisterra contábanse un a un. Un a un! E hoxe... hai que ver. E así, todo.