Diego Alonso Freire, Lorena Mariño e María serán os encargados da escolla das imaxes
07 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Vén de dar a coñecer a entidade Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) as persoas que formarán parte do xurado que elixirá a fotografía gañadora da primeira edición do concurso Costa da Morte, naturalmente salvaxe. O afortunado, ou afortunada, recibirá ese galardón durante o cuarto Encontro Anual de Turismo da Costa da Morte, previsto para o vindeiro 12 de novembro no Pazo de Trasariz, Vimianzo.
Diego Alonso (Camariñas), Lorena Mariño (Malpica) e María Lema (Dumbría) serán as persoas encargadas de elixir entre máis de corenta imaxes remitidas para a ocasión, tendo que escoller tres finalistas, e, entre estas, unha soa. Hai que sumar unha cuarta imaxe, a que mereza o Premio do Público, aquela que, a 31 de outubro, contara con máis «me gusta» na publicación feita en Instagram. Os premios, segundo avanzou a CMAT, consistirán nunha noite nun establecemento da comarca para dúas persoas, así como unha experiencia gastronómica, ademais da entrega da fotografía impresa e un diploma. Manuel Muíño, alcalde de Zas e presidente da CMAT, fixo unha moi boa valoración desta modalidade de promoción e da participación acadada.