![](https://img.lavdg.com/sc/BGvES5_emgYeqZiDDUyqbfp5wDI=/480x/2025/02/13/00121739456702509929743/Foto/CF14C5F1_152417.jpg)
Xestiona as redes do circuíto Correndo pola Costa da Morte dende hai tres anos. Abertas as inscricións para a décima edición!
14 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Nun proxecto coa envergadura do circuíto Correndo pola Costa da Morte, que vén de abrir inscricións para a súa décima edición, son vitais, dende logo, os propios corredores. Mais como dicía hai uns días un empresario da zona, as cousas non só hai que facelas, tamén hai que contalas, e nesa comunicación hoxe en día son vitais as redes sociais. Detrás do Facebook e Instagram deste circuíto está por terceiro ano a baiesa Rebeca Facal, autónoma do sector: «Nun proxecto deste tipo redes ten que habelas, son imprescindibles, e en realidade xa se moven tamén un pouco por si soas. Ao final os corredores son os mellores embaixadores». Carteis, fotografías, comunicación de inscricións, gañadores locais... Niso se centra Facal, que se por algo diferenza a iniciativa con respecto a outros traballos feitos é pola cuestión de implicar a varios Concellos. Non ben cruzan a meta os participantes e xa hai xente preguntando por imaxes ou vídeos, tal é o eco que se xera arredor destas carreiras que tamén son un xeito de facer marca.
«Para min foi unha sorpresa ver o movemento en Facebook. Hoxe a xente nova usa máis Instagram, pero en Facebook, con 4.700 seguidores, vemos ese público digamos máis maduro súper implicado, compartindo, difundindo, comentando. É moi activo e hai que valoralo. En Instagram son uns mil seguidores», precisa. Levar redes de iniciativas deportivas non lle é novo a Rebeca, que ten experiencia con clubs de fútbol e enxeñosos deseños, mais o que si ten como «reto» é chegar algún día a facer as dez carreiras do circuíto. Intentouno ese ano inicial no que se ligou á iniciativa, «pero non pasei das dúas [carreiras]»: «Correr non me desgusta, pero o que non me gusta é sufrir. E mira que é unha envexa ver cando rematan, penso que a min tamén me gustaría estar alí en vez de estar co móbil», ri.
Ás 15.00 de onte xa eran 216 os inscritos para a primeira das carreiras, o 9 de marzo en Camariñas, pola súa experiencia unha das máis concorridas, tanto por ser a primeira como pola súa beleza. Tamén varre para a casa e menciona a de Zas. Non é unha cifra menor faltando case un mes para a saída na vila do encaixe, pero o groso soe chegar aínda na última semana de prazo: «A idea é seguir medrando, penso que nunca se foi a menos».
Correndo pola Costa da Morte: dez anos contra vento e marea
Velaí o lema da 10.ª edición deste circuíto de carreiras con vocación comarcal que vén de abrir o prazo de inscrición (ata o 4 de marzo!). Dez anos, dez concellos. As datas: 9 de marzo (Camariñas), 12 de abril (Vimianzo), 11 de maio (Mazaricos), 24 de maio (Dumbría), 7 de xuño (Zas), 29 de xuño (Carnota), 5 de xullo (Cee), 13 de xullo (Muxía), 6 de setembro (Corcubión) e 12 de outubro (Fisterra).