Vanessa Andrade, psicóloga: «Hai un cambio no estilo de vida, e iso afecta á nosa saúde mental»

CARBALLO

ESPECIAL DE SALUD | Existen motivos para ocuparse e preocuparse, pero tamén se pide máis axuda: «Antes había persoas que nunca saían do trauma do dó»
22 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Coa singularidade que lle confire en toda a comarca o ofrecer terapia neurofeedback —de xeito resumido, actúa directamente sobre a función cerebral—, a clínica de psicoloxía de Vanessa Andrade, na Laracha, é un bo lugar dende o que trazar radiografía daquilo que ha de atenderse á hora de falar hoxe de saúde mental.
—Cal é o seu perfil de atención?
—Seguimos traballando neurofeedback, e de feito ampliamos horario. Agora as tardes témolas case sempre ocupadas con nenos a adolescentes, atendendo moito TDH e TDA, tamén algún TEA, e este último ano en particular moitos pequeniños con problemas de neurodesenvolvemento, como retraso na fala. Está a funcionar ben o neurofeedback con adolescentes, cos que facemos sobre todo traballo de clínica ansiosa e trastornos de conduta. Nas mañás o que máis atendemos son adultos con clínica ansioso-depresiva e traballamos neurofeedback tamén con dano cerebral, ictus e demais. Cada vez máis aparece ese cadro en pacientes xoves, e como o neurofeedback fai unha estimulación do sistema, funciona ben. Polo tanto, o que ofrecemos é valoración neuropsicolóxica, tratamento con neurofeedback para regular e completamos isto con terapia familiar a psicolóxica.
—A pandemia deixou pegada na saúde mental dos adolescentes, nos que tivo un fortísimo impacto. Segue arrastrándose?
—Si. Aqueles preadolescentes de 10-11 anos hoxe son adolescentes con 16, e neles o que máis vexo hoxe é consumo abusivo de pantalla ou xogo. A adolescencia é unha das etapas do neurodesenvolvemento máis complicada para o sistema nervioso, que nese tempo cambia, medra, mielinízase. Se o neno a esas alturas non está regulado e estimulado, ese proceso logo non se volve producir máis adiante. Frustración, falta de comunicación e de conexión na familia, máis illamento do que xa lle corresponde a esta etapa de idade... é parte do que se deriva desa situación.
—Reducir a pantalla é un reto mesmo para adultos, e tamén nos pequenos.
—Tamén. Non é só o consumo, senón o que conleva, relacións sociais máis empobrecidas, menor participación en actividades de ocio, con nenos sen facer ningún deporte nin moverse, nin un paseo... Ollo, que a pantalla ten un papel importante para a súa comunicación e relación na sociedade actual, pero aquí o que hai que traballar son os límites. Pactar usos, tempos... Non durmir co móbil, por exemplo: o sistema nervioso dun adolescente non está maduro como para tomar a decisión sá de apagalo ás dez. Só con isto hai un cambio cara a apertura do neno no fogar. O difícil en terapia é conectar, pero a poboación adolescente é moi agradecida.
—Parce haber a sensación común de que a saúde mental empeorou.
—Non percibo unha clínica incriblemente esaxerada, se ben a saúde mental hai que entendela como parte do sistema, e dos cambios que está habendo. Hai factores macrosociais e microsociais que lle afectan. O estrés, a calidade de vida ou novos contextos... Temos ademais dende pequenos unha historia de hábitos, os pais hoxe probablemente estamos menos tempo na casa, e iso conleva un cambio no emocional. As vivencias recóllense no sistema nervioso, como unha rede, e hoxe hainas moi carentes, por máis que a veces isto non sexa algo que se poida decidir. Agora hai menos conexión. Hai un cambio no estilo de vida e iso afecta á saúde mental. Moitas parellas viven soas, e iso ten o positivo da autonomía, pero falta en cambio outra parte [a rede]. Digo isto e digo tamén que a saúde mental hoxe é máis visible, eu traballo moito o dó, e dós sempre os houbo, pero non se buscaba axuda. Hai persoas que nunca saían dese trauma.
«En psicoterapia traballamos moito o saber poñer límites dunha forma sa»
Con experiencia en proxectos anteriores, Vanessa Andrade (1983) abría a súa clínica na Laracha no 2020. Hai demanda. O tempo veu darlle a razón a esta psicóloga que traballa tamén dende a teoría do apego e a terapia EMDR e á que lle gusta especialmente o ámbito do trauma: «Encántame a miña profesión». Por iso procura «cousas novas» e coidar a consulta: «Para min o máis importante é a relación terapéutica, a relación co paciente, o vínculo. Intento facer ben o que fago». Ten para o día a día algún consello que pode ver na páxina 2 deste monográfico.
—Espertar pensando en que chegue á noite para volver deitarse. Ocorre moito.
—Hai situacións perigosas, non hai máis que ver as tentativas ou intencións suicida e autolesións en poboación infantil e xuvenil. Pedir axuda é difícil, máis complicado canto máis complicada é a clínica tamén. Ser capaz de abrir unha porta que non se abriu nunca. A familia e entorno pode ser a entrada, pero é o paciente o que tamén ten que conseguir tomar esa decisión. E insisto, logo está a situación sanitaria e social, os recursos, a economía, a conciliación... Todo o contexto macro.
—Vivimos no tempo da esixencia?
—Con todo. Na casa, no laboral [moitas consultas chegan derivadas de estrés neste ámbito], no persoal... En psicoterapia traballamos moito o poñer límites dunha forma sá. E mesmo cambiar de traballo cando toque, por máis que ao sistema nervioso lle guste a seguridade e o control. Cambiar de ambiente, de parella, amigos... conleva unha ruptura interna que hai que dixerir.
—Seguen traballando no perinatal?
—Tamén, é algo que vai por rachas, é como que está por debaixo do iceberg. As mamás teñen tanto que atender antes que a elas... É un apartado moi gratificante, esa escoita activa, empatizar con elas, desfacer ese nó precisamente de esixencia.
—A sensación de non chegar a nada ben, nin ao 100 % nun lado nin nos outros.
—Unha das cousas que máis manexo coas familias é como que parece que se xera nos pais unha sensación estraña de que non podemos. Todas as familias poden facer unha boa crianza, respectuosa. A familia ten conexión, está aí, aínda que nalgún momento haxa unha disrupción. E ao final non o facemos tan mal, a min gústame desculpabilizar (...) O estrés tamén fai que un se aílle aínda máis. Autoesixímonos demasiado, os nenos o que precisan de entrada é un pai/nai que xogue e pase tempo con eles, que exista esa conexión emocional.