
Completísima axenda para este domingo na Costa da Morte: bota un ollo e escolle plan
22 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Chegan, ou volven. Ou comezan a xirar. Todo é correcto. O libro Cantareiras, dos malpicáns Xosé Manuel e Icía Varela, comeza a súa xeira de presentacións, con permiso da xa levada a cabo con escolares no colexio Milladoiro. Cantareiras, baixo o selo de Xerais, sae ao fío das Letras Galegas, este ano dedicadas á poesía popular oral a través da figura destas mulleres e, particularmente, de sete nomes, entre os que están catro das Pandeireteiras de Mens. É por iso que a presentación desta tarde (18.00 horas, acceso libre ata completar aforo) será tan especial, no propio epicentro.
Cantareiras darase a coñecer nunha cita programada na igrexa románica desta localidade malpicá —o templo Santiago de Mens—, e nela non só estarán os autores, senón tamén José Manuel Fernández, presidente de honra da agrupación Aturuxo, da que formaron parte as Pandeireteiras; Valentín García, secretario xeral da Lingua; Noelia Freijeiro, concelleira de Cultura, e Eduardo Parga, alcalde de Malpica. Contarase ademais coa presenza da totalidade de familias do grupo de bailadores e pandeireteiras. Para o Concello malpicán, a actividade marcará o inicio dun amplo programa das Letras Galegas que se desenvolverá ao longo de todo ano, con peso, claro, das Vellas da Mens.
Vimianzo • É xornada de estrea. O auditorio da localidade acollerá hoxe ás 20.30 horas a posta de longo da obra de teatro Sol Fuerza, da compañía aAntena. Teatro contemporáneo, con moito humor, mais tamén crítica social. Dirixe Xosé Leis, con Lucía Veiga, Virxinia Bermúdez e Manu Fernández sobre o escenario. Entrada: 5 euros.
Muxía • Avanza o intercambio de mocidade entre Ponteceso e Muxía, no que se destece o vínculo entre Rosalía de Castro e Pondal. Ruta Rosaliana ás 12.00 e posterior xantar no cámping Lago-Mar. É tamén día de Lendo Lendas na biblioteca Santiago Rey, unha cita ás 19.00 en torno á obra Aprendendo a vivir, e mesmo de regueifa, coa comisión de festas de Coucieiro: no salón de actos, ás 20.00, cita con Suso de Xornes e Lupe Blanco.
Brens (Cee) • Tarde de festival musical solidario na Casa da Cultura, das 18.30 horas en adiante. Os asistentes poden levar alimentos non perecedoiros para colaborar con Cáritas. Ata cinco intervencións terá esta velada.
Zas, Cerceda e Cee • Baile social • Tarde de baile no centro sociocultural de Zas, a partir das 19.00, hoxe amenizado polo dúo Élite. Tamén en Cee comeza ás 19.00, no salón de actos, e no centro social do Moucho (Cerceda).
O Couto (Ponteceso) • Caldo de Gloria na Casa dos Veciños, ás 19.30 horas, e posterior velada con Sen Tempo Teatro e a súa obra A voltas co morto. Xornada, pois, de tributo a Rosalía de Castro.
Mil e unha citas co entroido • Chegou o día para a asociación Neira Marcos: 20.00 horas, salón parroquial de Castromil. Tamén para a Asociación de Veciños de A Agualada (Coristanco), coa súa primeira Festa do Cocido: 14.30. É a primeira asemade para a comisión de festas de Gándara: 14.00, restaurante Tívoli (Zas). Cita inaugural, en terceiro lugar, para a Laconada da Peña Deportivista de Corcubión: 14.00, no Cuatro Perras. O Fogar do Pensionista de Corme ten prevista unha churrascada para as 21.00. Terceira edición, doutro lado, do Cocido Campal da Asociación Campal de Malpica: 14.30 horas, restaurante Canta la Rana de Buño.