
Axenda diaria | En Zas bota a andar a Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose. E hai máis citas...
26 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Nun ano de cantareiras como é este 2025 cunhas Letras Galegas dedicadas a elas, non han faltar as foliadas. Pero a de Cerqueda (Malpica) é foliada con maiúsculas: a 17.ª edición, que leva canda si a 11.ª Foliadiña, será hoxe, no local social das Pozacas. A asociación Raigañas, con 45 anos cumpridos, promove o encontro, nesta ocasión dedicado a todas as mulleres mestras pandeireteiras, pero en especial ás de Cerqueda: As Trighas de Ardeleiro (Florinda, Elvira e Sabina), Higinia do Ghallegho, María de Vighán, Carmela, Evangelina e Lola do Ghoriño, Socorro da Locaia, Carmen de Blanco, Florinda da Tera, Generosa do Saleiro, Ramona do Margharito, Ramona de Pena, Dolores de Martiño e Dolores de Mandián. Doutro lado, Raigañas quere homenaxear tamén ás mestras que pasaron pola entidade, algunhas aínda presentes: Fransy González, Silvia Suárez, Pili Balado, Begoña do Manso, Olga Kirk, Rosario das Marías, Mar da Bouzas, Icía do Manso e Sonia Reborido. No que respecta ao programa desta 17.ª edición, o día principiará cunha sesión vermú (13.00) amenizada por Raigañas e A Requinta da Laxeira. Haberá opción de comer por un módico prezo, e das 17.00 en adiante chegarán os contos de María da Pontragha, ademais obradoiro de varas de vimbio para nenos. Tamén cos pequenos chegará ás 18.00 a foliadiña, dando paso a iso das 20.00 á foliada propiamente dita. O cartel deste ano (fotografía de Raquel Uxía) dá algunha pista sobre a ambientación.
Carballo • Festival Carballo Interplay • A «desvirtualización» de Andy Chichester, Facu Díaz ou Miguel Maldonado deixaron onte unha xornada «emocionante» no festival Carballo Interplay, que segue hoxe cunha xornada de «reflexión e aprendizaxe». No mercado municipal, con sendos paneis, abordarase a autoexplotación dos creadores de contidos ou a comunicación en diversidade. O podcast Keep it cutre, o Código Fonte Audiovisual de Bob Pop ou o monólogo Aquí no hay quien viva de Ana Polo —ver aquí— serán propostas para hoxe. Máis datos: carballointerplay.com.
Carballo • Curruncho Pop • Na biblioteca Rego da Balsa, ás 19.30, presentación do libro The Velvet Underground, de Rafa Cervera. Concerto posterior de Os Veludos Soterrados.
De Ponteceso a Cabana • Andaina solidaria de Íntegro • Con saída da Praza do Recheo ás 16.30 e remate na Praza do Pendón, en Cabana. É a segunda edición desta ruta Por un millón de pasos.

Cee, Laxe, Corme e Fisterra • Citas co libro • En Cee, por partida dobre: ás 19.00, no auditorio, Os descontacontos, de Galitoon; e de 11.30 a 20.00 na Praza 8 de marzo, con encontro con varios autores locais. Organizan Concello e BNG, respectivamente. Por Laxe terán ás 18.00 á Bibliotecaria Estrafalaria 2.0, no salón de actos. E en Corme, a esa hora, presentarase o libro Cantareiras, nunha cita organizada por Insua de Viastela no Maccmo. Ás sete estará María Lado no mercado cultural de Fisterra, con Canta, miña compañeira. Actuarán As do Berrón e As Xaviñanas.
Coristanco • San Benito e Nosa Señora da Luz • A unión veciñal fixo posible recuperar esta celebración en Ferreira. Hoxe festexan Nosa Señora da Luz, con misa ás 13.00, e mañá haberá incluso vermú.
Merexo (Muxía) • Certame da Empanada de Rodaballo • Das 12.30 en adiante, na escola Veciñal, terceira edición. Organizan os propios veciños.
E ademais... • Día de Ruta Cabalar en Zas e verbenas en Camariñas e en Corcubión. En Vimianzo, Xantar de Maiores (12.00 horas en adiante).
Quenchedera abre esta noite a Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose
Hoxe • Perdón que che chapuse, de Quenchedera Teatro, grupo de amigas de Muros, é a obra coa que hoxe botará a andar a 8.ª Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose, organizada polo Concello de Zas coa colaboración da Deputación e a compañía Badius. O que traen é unha comedia dirixida a maiores de 13 anos, programada para as 21.00 no auditorio de Zas. Todas as representacións, de feito, serán ás 21.00, alternándose este espazo e o auditorio de Baio. «Este ano batemos marca de solicitudes, con 33 obras de teatro de toda a comunidade. Este é un dato que se traduce en que o teatro afeccionado segue moi vivo e que esta Mostra de Teatro xa está consolidada como un referente cultura»l, valorou o alcalde, Manuel Muíño. Logo da cita desta tarde, chegarán outras:
- 3 de maio: Camiños e carreiros, de Andaravía Teatro (Nedra). Comedia, Zas.
- 10 de maio. Segredos de familia e licor café, de Martabelas Teatro (Teo). En Baio.
- 17 de maio. Pan con chocolate, do colectivo Ollomao (Barreiros). Comedia, Zas.
- 24 de maio. Heroínas cotiás, de Muiñeiras do Vento (Ferrol). Drama, 21.00, Baio.