O FIOT convoca o noveno certame de microescenas Metro Cadrado 

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

VANESSA RÁBADE

Grupos e compañías interesadas teñen ata o 20 de xuño para facer chegar as súas propostas

06 may 2025 . Actualizado a las 21:55 h.

Aínda non chegou o verán, mais en Carballo a maquinaria do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) xa anda traballando. O festival vén de publicar a novena convocatoria do certame Micro-Escenas Metro Cadrado (M2). Está o prazo aberto, pois, para esta iniciativa de «teatro de proximidade», «a primeira creada en Galicia». O que se busca con ela é darlle visibilidade a novos formatos e experiencias escénicas, apoiando doutro lado a compañías e creadores emerxentes.

Han de ser pezas de pequeno formato, de entre 10 e 20 minutos, propostas creadas a medida para espazos non convencionais, cun máximo de 25 espectadores e prioritariamente en lingua galega. De feito, as representacións terán lugar en localizacións ben singulares da capital bergantiñá: un balcón do Concello co público vendo o espectáculo dende a rúa, un parque-ximnasio para maiores, unha xoiaría, unha tenda de fotografía, unha libraría, un coworking, unha aula de informática, unha residencia xeriátrica e unha terraza. As compañías interesadas en concorrer teñen ata o 20 de xuño para presentar candidaturas por fiot.microteatro@gmail.com.

Será un xurado, integrado por profesionais vinculados ao sector das artes escénicas, o encargado de seleccionar de catro a seis propostas, que se darán a coñecer antes do 10 de agosto e recibirán unha compensación de 450 euros, unha vez representadas en Carballo. As obras seleccionadas no certame exhibiranse no FIOT do 3 ao 26 de outubro, onde o público tamén emitirá unha valoración e optarán a premios de 150 euros á Mellor Interpretación e Mellor Espectáculo.