



























Día das Letras Galegas | A Costa da Morte foi o epicentro dun festexo que se expandiu a toda Galicia: a «tódalas vilas nas que hai cantareiras», dixeron este sábado dende a Real Academia Galega durante o pleno extraordinario que celebraron en Malpica
18 may 2025 . Actualizado a las 01:25 h.Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira, Manuela Lema Villar, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda. Sete nomes, sete mulleres, sete voces da terra, pero unha homenaxe que se fixo extensible a todo un pobo que bebeu, bebe e beberá da poesía popular oral. Así o entendeu a Real Academia Galega ao decidir dedicarlle ás cantareiras este Día das Letras Galegas 2025, e así foi reiterado no pleno extraordinario que a entidade celebrou nun ateigado centro cívico de Malpica, municipio natal de catro das mulleres homenaxeadas, as Pandeireteiras de Mens.
Ante políticos de tódalas cores e rangos, persoeiros do mundo da cultura, veciños e integrantes de agrupacións tradicionais, o acto comezou coas voces dunha das formacións musicais que máis teñen achegado o folclore ao gran público nestes últimos anos. Aida Tarrío e Olalla e Sabela Maneiro, as Tanxugueiras, entoaron varias coplas antes de recoñecer o labor feito polas súas antecesoras. «Temos que dar as grazas ás señoras que nos deixaron todo o que sabemos», dixo Aida, mentres Olalla recoñeceu que «nunca estaremos á súa altura». Sabela, pola súa banda, congratulouse en que «mulleres anónimas que daquela non daban importancia ao que facían, teñan hoxe o seu recoñecemento», apuntou a tocadora antes de que dese comezo formalmente o acto da RAG.

«Aínda que poida semellar paradoxal, esta celebración está dedicada á xente nova», apuntou a académica Ana Boullón durante a primeira alocución da xornada logo de facer un extenso repaso pola historia da poesía do pobo e da súa relación da música. Recalcou, neste sentido, o papel clave da muller: «Moito antes da invención da palabra sororidade, nas coplas xa se expresaba a complicidade entre as mulleres, nunha sociedade patriarcal que tamén empregaba as coplas para denigralas e para apuntalar os valores morais dunha estrutura que convertía ás mulleres nas subalternas dos subalternos», sentenciou.
Boullón puxo en valor o traballo dos autores das primeiras recollidas, das formacións que foron abrindo camiño como Mercedes Peón, Leilía ou Xabier Díaz, e tamén das novas voces que están a dar continuidade a tan senlleira tradición: Lupe Blanco, De Ninghures, Mondra, Caamaño&Ameixeiras ou moitos outros. «A mocidade que tomou o seu relevo garante a supervivencia durante unhas xeracións máis», dicía a académica mentres varias pícaras se reunían emocionadas en torno ás integrantes das Tanxugueiras no corredor anexo ao auditorio. Alí, Aida, Sabela e Olalla asinaban as pandeiretas e tomábanse fotografías coas tocadoras e gardiás do futuro.

Logo de recoñecer que nun día como o deste sábado «toda Galicia estivo en festa», pois en todas as vilas «houbo e hai cantadoras», o académico fonsagradino Antón Santamarina tomou o relevo de Ana Boullón no estrado. O lingüista, peza clave nese Cancioneiro popular galego de Dorothé Schubarth, fixo unha viaxe a esa infancia nos anos corenta nos que, pese a todo o que acontecía no plano político e social, «a nosa cultura popular aínda non enmudecera de todo».
Citou casos de romances populares sobre a represión franquista e mesmo se animou a cantar varias desas coplas de escarnio que de xeito anónimo —moitas veces pola súa propia seguridade— compoñían nas vilas os trobadores. Falou Santamarina da resistencia á asimilación que amosaron a cultura e a lingua galegas, e neste sentido agradeceu o papel dos estudosos e das agrupacións musicais que contribuíron de xeito decisivo a esa resistencia: «Cambiaron o escenario e a función da cantiga ou da peza instrumental. Agora xa non é un fenómeno rural, senón urbano (ou máis urbano ca rural), pero a tradición segue aínda que sexa doutro xeito», salientou.

Como consecuencia, proseguiu, a música tradicional foise volvendo cada vez máis popular, foron xurdindo máis agrupacións, máis artistas, máis cursos e actividades formativas, máis alumnado. Mesmo se pode aprender en varios conservatorios, malia non tratarse aínda dunha titulación oficial. «A Real Academia Galega, e Galicia en xeral, debémoslle gratitude aos cantadores, investigadores e novos intérpretes», dixo Santamarina, antes de cualificar todo isto que está a acontecer no plano cultural como un «rexurdimento sen precedentes».
Non obstante, o lingüista non quixo pasar por alto a delicada situación que atravesa o idioma. Pese á súa resiliencia en comarcas como a Costa da Morte, vén de constatarse unha preocupante perda de falantes, sobre todo en ámbitos urbanos. Neste senso, e ante un presidente da Xunta que escoitaba con atención a súa alocución, pediu un maior compromiso e políticas lingüísticas que logren reverter esta situación.
Alfonso Rueda, pola súa banda, apelou instantes antes, no acto institucional levado a cabo ao pé das Torres de Mens, por un «bilingüismo cordial» baseado no reforzo positivo, e non na imposición ou na obrigatoriedade.
O terceiro e último poñente do pleno extraordinario da RAG, o expresidente Xesús Alonso Montero, pronunciou unha ampla e moi técnica conferencia que inaugurou desmontando os prexuízos que supostos «eruditos» das letras, como Marcelino Menéndez Pelayo ou Juan Valera, expuxeron no seu día contra a poesía popular oral. Falou da elocuencia desas coplas, dese humor ácido e dunha calidade que inspirou mesmo a grandes literatos como Rosalía de Castro ou Valle-Inclán.

Segundo foi rematando a súa intervención, Alonso tirou de lembranzas e da súa primeira aproximación coa lingua galega. Rememorou esas cantigas de amor, ou mesmo eróticas, cuxo significado tardou en comprender, desas voces femininas que foron referente e desa Filoloxía, por último, esa «verdadeira filoloxía que nunca subestimou as linguas e os textos populares».

A interpretación do Himno Galego, que correu a cargo da pandeireteira e cantadora malpicá Icía Varela e do guitarrista Xaquín Rama, puxo fin ao pleno logo do discurso do presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo. Parafraseando a Castelao, este aseverou que mulleres como a este ano homenaxeadas «representan o pobo, que nunca nos traizoou; a enerxía colectiva, que nunca perece».
Así mesmo, o recentemente nomeado representante máximo da RAG reflexionou sobre o presente e o futuro do idioma. «O novo impulso para o galego virá dunha reformulación a fondo da política lingüística que poña a infancia e a mocidade no centro [...] Necesitamos mensaxes de entusiasmo acompañadas de compromisos tanxibles», concluíu Monteagudo.

A Fundación Pondal sumou unha nova promoción de Bos e Xenerosos
Como cada 17 de maio, a localidade pontecesá do Couto volveu vibrar en torno ás Letras coa entrega dunha nova xeira de recoñecementos Bos e Xenerosos. Estes premios, que colmaron un día pleno de actividade en torno á xornada Semente Festiletras, son outorgados anualmente pola Fundación Eduardo Pondal e desta volta gardaron todos eles moita relación coa homenaxe da RAG á poesía popular oral.
A Agrupación Folklórica Aturuxo foi a primeira en recibir o seu galardón, un recoñecemento aos 70 anos de espallamento da cultura galega e a ese saber ver nas Vellas de Mens, que botaron con eles vinte anos, a esencia do folclore. A súa subida aos escenarios foi un antes e un despois, e así se lembrou. Tamén pioneiras foron Leilía, reivindicando dende o 89 a pandeireta e o saber das mulleres de aldea. Unha emocionada Ana Rodríguez falou en nome das súas compañeiras, contentas de devolverlle ao pobo, dixeron, o que do pobo era.
Outro dos premios foi para a veterana formación folk Milladoiro. Abriu camiños en moitos sentidos e no 1981 fixo historia subindo ao escenario do pavillón de deportes da Coruña a dúas pandeireteiras, Eva e Engracia Castiñeira, a primeira tributada este ano pola RAG. Finalmente, galardoado tamén Antón Santamarina. Catedrático de Filoloxía Románica e académico, foi piar no lingüístico dese Cancioneiro popular galego ao que deu luz coa suíza Dorothé Schubarth con recollidas de case seiscentas informantes galegas. Varias das mulleres que entón compartiron o seu coñecemento con ela foron as onte homenaxeadas: as cercedenses Adolfina e Rosa Casás e as malpicás Manuela e Asunción Garrido, así como Teresa Lema.