
Crónicas históricas | Quen coñeza a biografía do Bardo bergantiñán saberá das orixes asturianas da rama paterna
24 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Quen coñeza a biografía do Bardo bergantiñán saberá das orixes asturianas da rama paterna e do apelido Pondal, alleo á onomástica galega como topónimo que tamén é e como apelido. O lugar de Pondal, no concejo asturiano de Llanera, a 14 quilómetros ao norte de Oviedo, sitúase entre as localidades de Lugo e de Posada, a capital municipal. Non é posible afondar nas orixes familiares do poeta pontecesán, pois o arquivo parroquial de Santa María de Lugo de Llanera ardeu na Guerra Civil.
Os únicos edificios salientables do lugar de Pondal son a casona dos Alonso del Campo, de estilo tradicional asturiano, e a súa minúscula capela do Santo Cristo de Pondal, a poucos metros. A nobre vivenda foi construída a mediados do século XVII, remodelada a comezos do XIX e finalmente rehabilitada como Casa Municipal de Cultura e Biblioteca. Exhibe na fachada os dous escudos fundacionais, e un terceiro loce sobre a porta da capela. Só a marquesiña do autobús dá fe de achármonos en Pondal, pois na estrada nin sequera unha placa sinaliza a entrada a este lugar, actualmente arrabalde da moderna localidade de Lugo, que conta con estación ferroviaria.

O topónimo e apelido Pondal procede da voz vulgar pometal, alusiva a un lugar axeitado para o cultivo das maceiras ou das árbores froiteiras en xeral. Na Idade Media xa se documentan por escrito os topónimos Pombdal e Pondal. As palabras latinas poma e pometum significaban froita en xeral e, co tempo, mazá en particular; compárense coa pomme francesa ou o pomodoro italiano. En Asturias abundan os topónimos que, como Pondal, se refiren á abundancia de maceiras: Pumarada, Pumariega, Pumeda, Puméu..., lugares todos de pumares, que en Castela poden ser pomares, como na vila burgalesa de Medina de Pomar.
Parece que Eduardo González-Pondal Abente gustou da sonoridade do seu apelido asturiano, e como poeta que era non deixou de aproveitar a súa rima aguda para poñela a xogar en verso con outra palabra case idéntica e, agora si, evocadora da terra natal súa e non da dos seus devanceiros: «¡Ai que branquiño pombal! / ¡Quen poidera ser pombiña / Do boo pombal de Pondal!».