Orballo Cultural e as curtas Mestre Mateo chegarán á Costa da Morte 

La Voz

CARBALLO

Ambos circuítos culturais farán parada en concellos da zona, como Vimianzo, Cerceda e Muxía

07 jun 2025 . Actualizado a las 00:02 h.

O Ciclo Mestre Mateo de Curtas percorrerá dende este venres ata a chegada do outono 24 concellos de Galicia, e entre eles estarán dous da Costa da Morte, Vimianzo e Cerceda. É esta unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual e a Xunta que achega este formato curto a localidades fóra da contorna de grandes cidades e que non contan con salas de cine. A selección de traballos inclúe os filmes finalistas nas categorías de Mellor Curta de Animación e Mellor Curta de Imaxe real, con varios títulos subvencionados por Cultura, Lingua e Xuventude: Pura, Véxote, Nai, Platónico, Platónica, Eu vou comigo, Sinipase, Avetimología e Noites de prata son os títulos.

Doutro lado, recalará tamén en Muxía o festival Orballo Cultural, que iniciou periplo este pasado sábado na Estrada e que tamén fará parada en Tomiño, O Porriño, Ribadavia, Noia, Ferrol e Sanxenxo. Forma parte da programación dos Concertos do Xacobeo, e non só terá artistas como Xabier Díaz, Su Garrido, Heredeiros ou The Limboos, senón que incorporará nas aperturas dos concertos —oito, en total— aos gañadores do certame Xuventude Crea 2024, un xeito de «difundir e darlle visibilidade ao talento emerxente». Así o dixo a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses. Participarán da proposta dez artistas galardoados nas disciplinas de música, DJ e danza.