Os avós e as avoas

CARBALLO

BASILIO BELLO

Non sempre teñen o recoñecemento que merecen

18 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Adóitase dicir que os avós, as avoas, deberían ser eternos. Canta razón. Exercen, sobre todo noutros tempos, case de pais. Agora, coas escolas infantís e outros servizos, xa hai máis facilidades. Aínda así, seguen a ser un piar. E xa non falo só dos coidados. A súa sabedoría sobre tempos pasados, sobre tradicións; o seu bo facer en moitos traballos... Todo ese coñecemento é impagable. Porén, non sempre teñen o recoñecemento que merecen.

Os avós e as avoas exercen unha figura clave na infancia. Na adolescencia e nos primeiros anos de madurez, tamén sempre están aí para axudar neses impulsos. Pero quen se acorda deles cando van máis maiores? A pouca xente vexo pasear cos avós.

Chegados a esas idades, o cariño é un aspecto que valoran moito. Cando xa non se valen por si sós para saír á rúa, agradecen que haxa alguén que os acompañe, tan sequera, de vez en cando. Pero iso non ocorre moitas veces, e quedan nas súas casas, en compañía da televisión ou da soidade.

Isto axuda ao deterioro. Tamén pode conducir á depresión. Bastaría con devolverlles aos maiores tan só un mínimo do que eles nos deron. Perder un pouco de tempo do noso ocio en facer unha boa causa social. Pero hoxe en día fálase moito dun egoísmo crecente, e é certo. Cada vez, máis.

Un simple saúdo aos veciños, un pequeno xesto que os fai felices. Eles saben que están no final do camiño. Cousas da vida. Ser maior adoita vincularse con aspectos negativos, cando unha vez que xa o fixeches todo, ou case todo na vida, por que vas estar triste?

Fai falta máis solidariedade. Fálase do SAF, das casas do maior, das asociacións... Pero antes que nada, están as familias, ou deberían estalo.