Parece que se foran, pero están. En realidade, nunca marcharon. Avánzase, si, pero tamén xorden outros movementos políticos, artísticos, mediáticos, que lanzan esas mensaxes tan perigosas á sociedade.
Falo do machismo.
Ultimamente, coñécense casos na Costa da Morte de persoas que parecen ser unhas e en realidade son outras ben distintas. Que cara o público amosan unha cara (algúns, nin niso se cortan), e que de portas para dentro son outros seres.
É triste, pero é unha realidade. Xente coñecida, ou sen selo, que aínda non entende que cada persoa, independentemente do sexo que sexa, é libre de facer o que queira.
Teñen por costume de ter submisas ás mulleres.
Sorprenden, sobre todo, as actitudes machistas na xente moza, que normaliza os insultos ou xa case o que son palabras maiores.
E o triste de todo é que hai mulleres que, por costume, medo, a familia ou por outros moitos motivos, todo eles entendibles, normalizan esas situacións.
Despois están os que xa case condenan a palabra feminista. Hoxe en día, en certos sectores, aínda hai que armarse para alzala voz. Noutros, pasa como dicía ao principio: parece unha cousa, pero é outra. Co auxe que hai do fútbol feminino nos últimos anos, sorprende escoitar as burradas que se din sobre as xogadoras.
É un exemplo disto, outro daquilo, e así continúa o tema.
Que bonito é dicir non, pero non todo o mundo pode ou é capaz. A esa xente hai que animala e axudala, aínda que ás veces non queiran ou se deixen. A eles... Hai quen non quere aprender, cambiar. Parecen pequenos xestos, pero teñen moito de transfondo.