
Ademais da Rapa das Bestas de Vimianzo ou da Festa do Percebe de Corme, estas outras citas
19 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Ademais da véspera da Rapa das Bestas de Vimianzo e da Festa do Percebe de Corme, estas outras propostas a 19 de xullo:
Carballo • Ás 21.00 horas, no Pazo, poderá gozarse da retransmisión da ópera La Traviata, de Verdi, dende o Teatro Real de Madrid. Acceso libre e de balde ata completar aforo. Pantalla xigante e alta definición, unha produción da Dutch National Opera & Ballet, co coro e a orquestra titulares do Teatro. Tres actos para dúas horas 45 minutos.
Pola mañá, doutro lado, acollerá Carballo o simposio Os suevos da beira atlántica- Será na sede de Espiral Maior Foro, no número 34 da rúa do Sol, ás 10.00. Participan sete investigadores.
Laxe • Títeres no salón de actos, ás 19.30 horas. Barriga Verde con Estragapandeiros.
A Ameixenda (Cee) • Bota a andar a programación do Verán Activo deseñado pola SDCR Fumes do Cal de Ameixenda (Cee). A primeira proposta será un Roteiro Arqueolóxico Natural que acada a súa cuarta edición: de 09.00 a 13.00, con saída da Casa da Cultura, cara Banle.
Muxía • No cámping Lago-Mar, dobre sesión de concertos (13.30 e 19.30), con Turnes His Lago Delta e Blues Boys.
Cabana • Sábado de visita teatralizada no dolmen Dombate, a cargo de Os Quinquilláns: 11.30 e 13.00. Dobre pase de No tempo das pedras.
O Couto (Ponteceso) • Encontro de corais da Oliveira do Monte Branco. Ás 20.00, na Casa dos Veciños, actuación de Xa Era Hora, Se Cadra, Os Farrapos e a coral San Martín de Cabana, sumándose así á organizadora do encontro.
Dumbría • De 22.30 a 00.30, nova oportunidade para gozar do espectáculo audiovisual O Eco do Ézaro, na cascada e con acceso de balde.
Vimianzo • Artesanía en vivo no castelo. Panillada con Nemanquiñas ás 17.00, bo momento para achegarse ao oficio, para coñecer «o repenicar dos palillos», convidan.
Malpica • Paseo guiado polo historiador e actor Suso Martínez: saída ás 19.00 dende a fonte Anselmo Villar Amigo.
Festas en varias localidades • É día de Santa Mariña do Remuíño, en Corcoesto (Cabana). Misas toda a mañá (10.00, 11.00, 12.00, 13.00), vermú con Fuego e animación polas merendas con Maruxía. O tardeo será cousa da discoteca Eclipse, á que sumar verbena con Fuego e Impacto co DJ Drew Korme. En Camariñas concluirán hoxe os festexos polo Carme, con vermú a cargo de Alkazar e verbena con Alkazar, La Banda de Ayer e a discoteca Impacto. Conclúen as festas, asemade, en Corcubión: vermú con Máster, festival de danza galega organizado por Xaldón ás 20.00 (Campo do Rollo) e verbena con Máster e CDC. Dun remate, a un inicio: festa en Caión (A Laracha), hoxe polo Corpus, con misa ás 13.30, procesión sobre alfombras florais, vermú con Elebé, teatro de rúa ás 20.00 (Moby Dick) e verbena con Elebé e Súper Fabrik. Igualmente na Laracha, pero en Vilaño, comezan seis días de festa co Vilaño Fest a partir das 17.00: antes, vermú con D’Festa. E tamén neste municipio bergantiñán, festa en Lemaio: misa ás 13.00 horas e vermú e verbena co Trío Arena.
Non lles faltará festa por Oza (Carballo), con misa ás 13.00 cantada por Irma Macías e posterior velada en The Garden / Bar Bardanca: vermú ás 14.00, pinchada de Frankstoneás 17.00 e verbena dende as 21.00 con Begoña García ou Roberto Reko. Logo da misa das 13.00, a vermú de Moraime, en Muxía, virá hoxe da man de JJ Compota, Laura Añón e Ángel Sevilla; para a noite quedará Los Españoles, a discoteca CDC e a actuación do DJ Kike Varela, autor do hit Micaela. Bailarán do seu lado en Barizo (Malpica) coa orquestra Montreal, a mediodía, e con Montreal e o DJ Redface na verbena. Tamén en Malpica, pero en Leiloio, terán misa ás 12.00 e vermú e verbena coa orquestra Marazul. En Cuns (Coristanco) tocará sardiñada e churrascada gratuíta para os asistentes a partir das 20.00, con verbena a cargo de Mini CDC, DJ Chicho e a actuación de José Ramón El Emigrante. Nesta viaxe festeira, Cabana ofrece unha segunda parada: o Carme do Briño, en Borneiro, con misa ás 13.00, pasarrúas cos Enxebres, vermú con D’Noche e verbena con D’Noche e Finisterre.
Por último e non menos importante, dado que neste caso a verbena será co dúo Reflejos e a orquestra Olympus, están as festas de Cerceda, onde haberá misa ás 13.00, sesión vermú co dúo Reflejos e pasarrúas coa charanga Os Atrevidos (16.00).