Honra para Manolo Martín no seu amado santuario da Barca

Antón Lestón
A. Lestón CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana García

Obituario | A misa será mañá, domingo, ás 18.00 horas

02 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Naceu en Muxía, e aínda que dicía ter o corazón dividido entre o lugar do seu berce e Santiago de Compostela, onde residiu a maior parte da súa vida e creceu profesionalmente ata converterse nun respectado avogado, a paixón de Manuel Martín Gómez sempre estivo pegada ao mar, no santuario da Barca. Esa construción na que gardaba unha devoción imperante e que exhibiu tras o incendio no templo no 2013, doando o mural que hoxe fai de altar.

Alí será honrado mañá despois de que o seu corpo xa fose velado e incinerado onte en Santiago de Compostela. Ás 18.00 horas terá lugar a misa de mañá no santuario de Nosa Señora da Barca. «Tamén doou esculturas da Virxe da Barca entre outras», recordaba Sandra Vilela nun fermoso texto na súa memoria.

A tenente de alcalde resumiu o sentir da vila, resaltando o papel de Manuel como benefactor da mesma e como principal impulsor do fútbol local. «Non só era o noso socio número un, senón que tamén era vicepresidente e parte fundamental na historia do noso club», destacaron dende o Muxía Club de Fútbol. Manolo, ou Manolito, como era coñecido polos amigos, estivo de feito na última final da Copa da Costa, animando aos seus e portando o trofeo antes do saque inicial.

Foi o último servizo dun home que botou unha man sempre que o seu club e municipio o necesitaron. Como exemplo, o torneo solidario para os fillos de mariñeiros que el mesmo fundou e no que chegou a levar a unha entidade como o Real Madrid á Arliña.