Mariña Lestón, actriz fisterrá: «Sempre quero estar pretiño do mar»

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

.

Gentes del Finis Terrae | Ofrecerá este domingo en Razo, dentro do FIOT, a súa obra «Costa da Morte, cartografía dun naufraxio»

08 oct 2025 . Actualizado a las 04:47 h.

Quen nace ou mora longo tempo preto do mar tarde ou cedo quere volver a el, e iso mesmo é o que lle pasa a Mariña Lestón (Fisterra, 2002). Actriz, pasou onte polos micrófonos de Radio Voz para falar de Costa da Morte, cartografía dun naufraxio, peza teatral que este vindeiro domingo, ás 12.30 en Razo —zona do parque infantil—, se poderá ver no apartado FIOT en Ruta, peche doutra cita paralela ao festival como é unha ruta polo litoral coa asociación Senda Nova. O percorrido farase esa mesma mañá.

—Ten pasando por Fisterra, Vimianzo e agora Carballo.

—E eu encantada! Encantada de falarmos e máis aínda se é por estar no Festival Internacional Outono de Teatro. Estou feliz.

—«Raíz viva, memoria colectiva» é o lema do festival carballés este ano. Na identidade da Costa da Morte están os naufraxios. A obra é dende logo do máis acaída.

—Pareceume ben chulo sabelo cando recibín a chamada do FIOT, e por riba poder actuar nese enclave. Represéntao moi ben.

—Xa se tiña achegando aos naufraxios antes con «Do baleiro ás ondas». De onde lle vén o interese por esta historia marítima?

—Penso que de mirar un pouco o que temos ao noso redor. Son fisterrá, e aínda que de preto non vivín ningún naufraxio, si che contan, escoitas e ves. Ao final é poñerlle un pouco de atención ao que che arrodea, iso a min é o me interesa. Esta peza, que precisamente parte dese primeiro traballo, saíu xustamente de aí.

—Este 2025 foi especial: o Centro Dramático Galego coproduciu con vostede este «Costa da Morte: cartografía dun naufraxio» para levalo en xuño e xullo por numerosos puntos do litoral galego.

—Foi algo súper positivo, a verdade e, no meu caso, toda unha aprendizaxe. Era a primeira xira que facía e foron nada menos que 19 representacións que ademais funcionaron moi ben, e en sitios incribles. Prazas ao pé do mar, faros, museos marítimos... Enchemos a costa de teatro, foi ben chulo, tamén por esa experiencia cercana coa xente. Logo das funcións achegábanseme persoas para contarme historias persoais. Case que da obra sae outra.

—E coproducir co CDG...

—Unha oportunidade incrible, algo moi importante para min, sobre todo tratándose da miña primeira obra profesional. Rematei a carreira o ano pasado, non me deu tempo a moito máis [ri].

—Sendo a temática de naufraxios e os escenarios o mar, ben podemos falar de teatro inmersivo.

—Totalmente, unha inmensa sorte. Sempre quero estar pretiño do mar, e poder estalo, facendo por riba o meu traballo, xa é total. Estar enriba do mar escoitando falar destas cousas cambia a perspectiva. Razo, ademais, é un sitio moi acertado para esta obra, que se divide en tres relatos principais, o último deles ubicado nos baixos de Baldaio. Terémolos ás costas.

—E os outros?

—Principalmente, Fisterra, Camelle e Malpica. Un dos de Malpica é o que naufraga nos baixos de Baldaio. Ten significado.

—Ademais de relatos orais, na súa función hai cantigas interpretadas en directo e ata imaxes.

—Para min era moi importante que estivesen presentes esas cantigas, esas pezas recollidas, porque penso que gran parte da nosa tradición e da nosa memoria vén un pouco de aí. A Costa da Morte é unha zona moi rica en tradición oral. Como actriz apetecíame explorar coa pandeireta e coa voz a un tempo, e penso que ao final é algo que fai sentir. No referente ás imaxes, serven moi ben para conducir as historias.

—Non só falamos dunha obra inmersiva, senón inclusiva. Haberá tradución a lingua de signos.

—Tenme moi contenta esta aposta do FIOT, con tres dos espectáculos da súa programación signados, a miña obra un deles. Está sendo un pracer traballar coa intérprete, Gemma Santos, unha auténtica sorte. Estou aprendendo moito dela e da propia lingua de signos. Ao final esta función é un monólogo. Eu son quen actúa, pero tamén que dirixe, quen fai a dramaturxia, estou en todos os aspectos. Digamos que viña sendo un camiño moi solitario e agora percórroo con Gemma.

—Teatro e tradición véñenlle da súa terra? Talía Teatro tal vez?

—Canto e pandeireta, de asociacións, e o apartado teatral, si, de Talía. Sempre que me xunto con Toño Casais é un agradecemento total ao que fixo, e a o que fixo sen querer facelo, para estarmos nós hoxe aquí. A vocación vénme de aí e a aprendizaxe en gran medida tamén, aínda que logo formeime na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, en Vigo: estudei alí os catro anos da carreira de Interpretación.

—Ten xa algo novo nas mans?

—Son un cu inquedo, sempre ando argallando cousas. O verán estivo moi ocupado con estas funcións, agora ando recuperando ritmo de vida e si, gustaríame crear algo máis. O ano pasado cursei tamén un postgrao en Xestión Cultural, e quero dirixir un pouco a miña vida profesional cara aí, compaxinando ambas cousas.